DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolverase na Facultade de Belas Artes o 26 e 27 de xaneiro

Romper coas clases expositivas e fomentar o traballo en grupo, obxectivo dun novo curso dirixido ao profesorado

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 25 de xaneiro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 16/12/2009

Ir ás aulas só a escoitar o discurso do profesor ou inculcar regras mnemotécnicas para memorizar moreas de apuntamentos son estratexias que non casan coa nova pedagoxía. Hoxe o esencial é fomentar un pensamento crítico e diverso a través do traballo en grupo, onde as responsabilidades son comúns e se negocian as posibles solucións conxuntamente. Neste contexto o docente pasa a ser un titor que intervén no proceso a modo de guía, pero que xa non ostenta a verdade última. Traballar a distribución de responsabilidades, a planificación conxunta, o intercambio de roles e de información e a resolución de conflitos en grupo son algunhas das estratexias pedagóxicas que se analizarán no curso Técnicas de aprendizaxe colaborativa e aprendizaxe baseada en problemas, que se desenvolverá o vindeiro mes no campus de Pontevedra.
Dirixido a profesores e profesoras universitarios, será impartido por Javier Bará Temes e Joan Domingo Peña, ambos os dous profesores da Universitat Politécnica de Catalunya, que levan varios anos colaborando coa Universidade de Vigo. Ata agora facíano con dous cursos diferentes, un sobre aprendizaxe cooperativa e outro sobre aprendizaxe baseada en problemas, que decidiron unir polos vínculos existentes entre ambos os dous.

Recoñecer as limitacións da aprendizaxe tradicional e identificar novas estratexias

“O traballo en grupo considérase a alternativa necesaria ás técnicas de aprendizaxe convencionais de cara á formación de profesionais”, sinala Óscar Patao, colaborador da Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa na coordinación destes cursos. Neste sentido, Patao sinala que o obxectivo do curso é achegarlles aos docentes “a importancia do traballo en grupo e amosarlles técnicas e estratexias que logo poidan aplicar ás necesidades específicas das disciplinas que imparten”.
Esperase que ao finalizar o obradoiro os asistentes estean en disposición de recoñecer as limitacións da aprendizaxe tradicional baseada en clases expositivas e a súa pouca adecuación á formación dos profesionais que require a sociedade actual, así como de identificar as achegas que introducen esta nova forma de aprendizaxe na formación de titulados universitarios.
O curso desenvolverase de xeito que o profesorado participante poida aprender empregando as propias ferramentas da aprendizaxe cooperativa, polo que o apartado expositivo unidireccional ocupará o menor tempo posible do obradoiro e imperará o traballo en grupo. Fomentarase o debate para que os docentes se cuestionen por que o seu alumnado non aprende tanto como eles quixesen e tamén para analizar criticamente as eivas do ensino tradicional. Logo dunha introdución básica aos modelos de aprendizaxe cooperativa e baseada en problemas a través dunha serie de actividades prácticas, desenvolveranse por grupos diferentes proxectos, formulados desde a avaliación en todas as súas fases, poñendo de relevo a utilidade de ferramentas como os Cuestionarios de Incidencias Críticas (CUIC). “O fundamental desta práctica non é a temática que se traballe, senón que o profesorado asuma o proceso que eles mesmos deben aplicar nas aulas posteriormente”, indica Patao.

Matrícula a través da plataforma Bubela

Este curso insírese dentro das accións informativas institucionais da Universidade de Vigo, organizadas pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa, a través da súa área de Innovación Educativa, dentro do programa de formación permanente do profesorado. O prazo de preinscrición manterase aberto ata o 25 de xaneiro e a actividade desenvolverase na Facultade de Belas Artes nos días 26 e 27 de xaneiro.
As persoas interesadas deberán formalizar a matrícula a través da plataforma de xestión académica Bubela. Ofértanse en total cincuenta prazas que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. A información completa do curso pode consultarse no seguinte enlace: Técnicas de aprendizaxe colaborativa e aprendizaxe baseada en problemas.