DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Liceo e a Vicerreitoría do campus organizan este ciclo de conferencias

Rosa Aneiros, Rosa Regás e Luisa Castro revelarán os segredos da escrita nos "XX Encontros Literarios"

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 27/01/2010

Os Encontros Literarios chegan este ano á súa vixésima edición e fano da man de tres escritoras que falarán de literatura e compromiso no transcurso dun ciclo de conferencias que se desenvolverá na Aula de Cultura do Liceo. Rosa Aneiros, Rosa Regás e Luisa Castro abordarán nas súas respectivas intervencións aspectos como o compromiso, a creación e a verdade, cuestións que abordan cada día na escrita dos seus textos. A actividade foi presentada este mércores na Deputación provincial, no transcurso dun acto ao que asistiron Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus de Ourense; Francisco González, director do Centro Cultural da Deputación e José Luis Troitiña, xerente do Liceo.
O vicerreitor subliñou no acto de presentación dos encontros a importancia de investir cartos neste tipo de iniciativas. Segundo as súas propias palabras, “cada euro que se gasta en proxectos culturais é un euro que se inviste en calidade, en educación e en coñecemento”. O xerente do Liceo, José Luis Troitiña, pola súa banda, agradeceu o apoio dado pola Vicerreitoría do campus e a Deputación de Ourense a este ciclo de conferencias. Lembrou as orixes da iniciativa no ano 1990, impulsada polo tamén escritor Carlos Casares, para facer fincapé na súa consolidación “como un punto de encontro das figuras máis salientables da literatura contemporánea do noso país”. Fixo tamén fincapé no lema Escritura e compromiso, ao redor do cal van xirar as intervencións desta vixésima edición dos encontros. “Na actualidade o compromiso dos escritores e da literatura en xeral coa sociedade é moi necesario e as tres escritoras que nos van acompañar nas conferencias falarán precisamente dese compromiso tan necesario entre o mundo da escrita e a sociedade”, declarou.

Compromiso, lectura, creación e verdade da man de tres escritoras contemporáneas

Rosa Aneiros (Meirás, Valdoviño, 1976) abrirá o ciclo o día 1 de febreiro cunha conferencia sobre Literatura e compromiso: palabra dada, palabra recibida. Escritora e xornalista, Aneiros traballa actualmente no Consello da Cultura Galega. A súa primeira novela, Eu de maior quero ser, saíu á luz no ano 1999 e dende aquela desenvolve unha prolífica actividade como escritora con obras como Corazóns amolecidos en salitre (2002), Ás de bolboreta (2009, Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil) e Sol de Inverno (2009 e Premio Xerais de Novela). Ten publicados tamén relatos e artigos literarios.
O ciclo de conferencias continuará o seu desenvolvemento o día 2 de febreiro con Rosa Regás, que falará no Liceo de Lectura e creación. Entre as novelas máis famosas e representativas da escritora están Memoria de Almator (1991), Azul (1994), Viaxe á luz do Cham (1995), A canción de Dorotea (2001) e Diario dunha avoa de verán (2004), entre outras.
Os Encontros Literarios rematarán o día 3 de febreiro coa intervención de Luisa Castro, unha novelista e poetisa nada en Foz no ano 1966 e licenciada en Lingüística pola Universidade Complutense de Madrid. A súa primeira novela, El somier, foi finalista do Premio Herralde de novela no ano 1990 e co seu segundo libro, A febre amarela (1994) acadou o recoñecemento da crítica como unha das autoras máis prometedoras en lingua española. Da súa traxectoria poética destacan obras como Os hábitos do artilleiro (1990), Premio Rey Juan Carlos I e Os versos do eunuco (1987), Premio Hiperión. Todas as conferencias terán lugar na Aula de Cultura do Liceo ás oito e cuarto da tarde.