DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xunto a outros participantes nas II Xornadas da Comunicación

Rosa Mª Calaf e Jorge M. Aspar analizarán as relacións entre comunicación e deporte

O 27 e 28 de outubro na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 23/10/2008

A xestión e execución de eventos deportivos será o leitmotiv da segunda edición das Xornadas da Comunicación que impulsa a Área de Extensión Cultural e Estudantes do campus de Pontevedra. A partir do luns 27, profesionais relacionados co mundo do deporte e da comunicación achegarán a súa experiencia neste campo nunha combinación de conferencias, mesas redondas e debates. Entre os convidados figuran a correspondente de TVE Rosa María Calaf, o socio de Valmor Sports, empresa organizadora do circuíto urbano de Valencia de F-1, Jorge Martínez Aspar ou o director creativo da axencia Sra. Rushmore, que repite experiencia logo de intervir no ciclo do ano pasado.
Desta vez, o tema das xornadas restrinxiuse ao aspecto deportivo porque a idea "é crear un espírito de campus e todos os relatorios programados, aínda que con entrada libre, son especialmente indicados para os alumnos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e para os da Licenciatura en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, que conta cun itinerario específico de planificación de eventos”, segundo explica a directora das xornadas, Ana Belén Fernández Souto.
Aínda que ata o luns non bota a andar esta segunda edición das xornadas, Fernández Souto xa pensa na terceira e anuncia que “volverá tratar o tema da relación entre a comunicación e o deporte porque é un tema que suscita moito interese”.

Unha programación intensa

O luns a xornalista de Televisión Española, Rosa María Calaf, que acaba de realizar a cobertura dos Xogos Olímpicos inaugurará as xornadas. A continuación, Jorge Martínez Aspar ofrecerá un relatorio sobre a organización do circuíto urbano de Valencia de F1. Xa pola tarde, o director creativo da axencia Sra. Rushmore, Paco Conde, repetirá a experiencia da anterior edición das xornadas e ofrecerá un relatorio baixo o título Los goles del marketing. Despois cederalle o testigo á profesora da Universidad Cardenal Herrera-CEU, Sandra Femenía, que fará unha descrición das estratexias do patrocinio deportivo. O día concluirá con Alfonso González Herreo, director de comunicación externa IBM SPGIT.
O director de marketing de Unipublic, empresa organizadora da Vuelta Ciclista a España, Pedro Lezaun, abrirá a segunda sesión das xornadas o martes 28. Ademais contarase coa presenza de Charo Ramos, que disertará sobre a relación do deporte e a publicidade en soportes non convencionais e celebrarase unha mesa redonda entre Marian Mouriño, directora comercial do Celta de Vigo; Germán Arteta, de Umbro; Jorge Santos, director de marketing de Caixanova; e Charo Ramos, de Ephimera Bibioteca Nacional, sobre a sponsorización de eventos deportivos. Na sesión da tarde Rosario Andrade Detrell e Manuel Fernández narrarán a súa experiencia desde o comité organizador da Rolex Fei World Cup Jumping 2008 e Miguel Arias Estévez, embaixador para a Cooperación Deportiva Internacional, clausurará as xornadas cun relatorio sobre a candidatura de Madrid para acoller os Xogos Olímpicos do 2016.