DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata agora coordinadora dos cursos de español para estranxeiros

Rosa Pérez, nova decana da Facultade de Filoloxía e Tradución

A implantación dos novos graos será a súa liña de actuación prioritaria

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 06/02/2009

A Facultade de Filoloxía e Tradución xa ten nova decana, a profesora do Departamento de Lingua Española, Rosa Pérez. Leva na Universidade dende o 1992, pero nunca antes formara parte dun equipo decanal, se ben estivo ao fronte do departamento o que pertence durante seis anos. Agora ten ante si o reto de pór en marcha os novos graos, “haberá que facer moito traballo en pouco tempo, polo que era necesario estar preparados cun equipo decanal forte”, salienta Pérez en relación a que o centro levaba varios meses cun decanato provisional, coa profesora Dolores Troncoso ao fronte, “unha situación que non é a ideal dada a importancia do momento que estamos a vivir”.
Pérez recolle a testemuña de Joaquín Sueiro que dirixiu todo o proceso de elaboración dos plans de estudo dos novos graos que substituirán, a partires do vindeiro curso, ás actuais licenciaturas que se están a impartir no centro. Os graos en Tradución e Interpretación; Linguas Estranxeiras e Estudos de Galego e Español conforman a oferta da facultade para o curso 2009/2010. “É unha oferta moi distinta e atractiva e agardo que esperte o interese do alumnado”, comenta a nova decana, quen tamén explica que o grao conxunto de galego e español terá catro especialidades: lingua e literatura galega, lingua e literatura española, lingua galega e española e literatura galega e española. “Deste xeito damos a opción aos estudantes de optar polo itinerario máis clásico ou pola novidade de especializarse en linguas ou en literaturas”, argumenta a nova decana.
Implantar estas novas titulacións será a liña prioritaria do novo equipo decanal, pero non a única. “Temos tamén que atender ao sistema interno de garantía e de calidade, sobre todo, en todo o que se refire á docencia, e estamos tamén pendentes de renovar todas as comisións da facultade, sen esquecerme tampouco da próxima posta en marcha de varios posgraos”, engade.

Un equipo decanal que combina experiencia e xuventude

Para pór en marcha estes proxectos Pérez contará co apoio dun equipo decanal cunha composición moi equilibrada, no que se combina a experiencia de profesores que xa formaron parte doutros equipos decanais con xente nova “pero moi preparada e con moitas ganas de traballar”.
Xunto a decana traballarán o profesor Xosé Mª Gómez Clemente, en calidade de vicedecano de Calidade e Corvenxencia Europea; Ana Elina Martínez Insúa, como vicedecana de Exteriores; Marta García, como vicedecana de Organización Académica, e Jorge Luís Bueno como secretario do centro.
Casualidade ou anécdota ilustrativa de que é un equipo moi novo, Pérez salienta que dous dos membros do equipo acaban de ser pais, “Jorge Luis colleu os quince días por paternidade e Marta está de licenza por maternidade, polo que, de momento ocupará o seu cargo o profesor Xan Montero”.

Ao fronte do centro máis internacional

Este novo equipo decanal sitúase ao fronte do centro máis internacional da Universidade de Vigo e isto é algo que lles gusta. Ano a ano repítense as cifras que sitúan a facultade como a que máis estudantes envía fóra e tamén a que máis acolle nas súas aulas. Aínda que non tan coñecido, hai outro dato que achega ás aulas desta facultade un matiz moi especial: a importante presenza nas clases, sobre todo nas de literatura, de alumnos da Aula de Maiores, “xente moi traballadora, con moitísimo interese e que fan enormemente gratificante ou teu traballo”.

Un exemplo de concialiación

Rosa Pérez (Vigo, 1963) licenciouse en Filoloxía Hispánica no 1988, pola USC, “coma todo o mundo na miña época, aínda que os primeiros anos da carreira os estudei xusto aquí, no antigo CUVI”. Tras unha breve estancia na Universidade da Coruña, onde obtivo unha bolsa de predoutoramento, iniciouse como profesora axudante no 1992. No 1996 leu a súa tese de doutoramento e no 1999 obtivo a praza de titular.
En todos estes anos combinou a súa tarefa como docente e investigadora, coa coordinación, xunto á profesora Inmaculada Baez, dos cursos de español para estranxeiros e participou en múltiples ocasións na Selectividade, primeiro como correctora e logo como directora do grupo de Lingua Castelá e Literatura, un cargo ao que tivo que renunciar por motivos familiares, “xa que, entre outros, tamén lle tocaba examinarse á miña filla”, sorrí Perez, un claro exemplo de que “compatibilizar vida profesional e persoal é difícil pero posible. Tiven a miña filla maior cando estaba facendo os cursos de doutoramento e a outra cando facía a tese. Agora teñen 18 e 15 anos e un irmá de 4 anos”, sinala Pérez. "Houbo momentos duros, lembro que a miña filla maior me preguntaba cando ía acabar esa tese pero é cuestión de organizarse e, por suposto, non renunciar nunca a deixar un tempo para os nenos".