DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o 5 de xaneiro o alumnado de Esdemga vende as súas prendas na tenda 'Debut Store'

Roupa exclusiva ao alcance de todos os petos

Os prezos varía entre os 10 e os 400 euros e as primeiras ventas superan as expectativas iniciais

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 22/12/2011

Roupa exclusiva e a un módico prezo. Este ano non hai escusa para non regalar prendas orixinais grazas á tenda que este Nadal abre o alumnado de Esdemga, Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza, que ofrece a vantaxe de "mercar un agasallo que será único e irrepetible”, comenta Jessica García, estudante de terceiro curso. Transcorrida case unha semana dende que Debut Store abrira as súas portas, os improvisados dependentes amósanse moi satisfeitos coas primeiras ventas, “superando con creces as expectativas que marcamos nun principio e comprobando ademais que as propostas gustan ao público”.

O cliente que pisa Debut Store “valora en gran medida o deseño das pezas e que sexan únicas e innovadoras”, explica o alumno Gabriel Nogueiras. Con esta iniciativa, as futuras promesas da moda comproban de primeira man como a cidadanía percibe as súas creacións “e decatámonos que a xente si que se fixa no feito a man, na manufactura, nos pequenos detalles que nós si coidamos e que unha produción máis en serie desatende”, puntualiza Jessica García. Engade que senten emoción no momento de vender as súas creacións, “con interrogantes constantes sobre quen o levará ou que uso lle dará”, confesa García. O certo é que a tenda acostuma estar chea de curiosos “que sempre quedan namorados dalgunha peza que proban e que a acaban levando”, sinala Nogueiras.

O máis vendido, abrigos e complementos

Aínda que a tenda é de reducidas dimensións, achega unha ampla variedade de propostas tanto para home como para muller, podendo escoller entre camisetas, camisas, saias, pantalóns, chaquetas e un sen fin de complementos. En canto ao prezo, “hai para todos os petos, atopando pequenos obxectos a 10 euros ata prendas de 400 euros, como unha americana que foi bordada toda a man”, exemplifican. Por agora, as prendas de maior éxito están sendo os abrigos, “polo frío de inverno”, e sobre todo os complementos “mercando especialmente paxarelas, garabatas ou bufandas”, concreta Nogueiras. Moitas das propostas foron creadas para vender na tenda “xa confeccionadas dende un punto de vista máis comercial”, pero outras son resultado de proxectos máis experimentais das clases, “co valor engadido de que desfilaron en Debut”.

Como explica Jessica García, “o importante desta iniciativa non é a recadación económica que se poida conseguir, senón a experiencia de poder coñecer o lado máis comercial da moda, contactando persoalmente cos gustos do cliente”. Para non perder ningunha percepción do consumidor que poida ser de axuda no futuro, a tenda ten á súa disposición un libro de suxestións no que calquera pode deixar un comentario sobre o que lle gustou ou non da roupa ofertada. García explica ademais que esta iniciativa permítelles como estudantes achegar á cidadanía un concepto de moda máis experimental “xa que en España estamos afastados das tendencias máis europeas, como o uso cotiá da paxarela nos homes”.

Horario de apertura

A tenda Debut Store, situada na Rúa de Prudencio Landín número 10 (detrás da Subdelegación do Goberno), estará aberta ata o vindeiro 5 de xaneiro, de luns a sábado en horario de 11.30 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.30 horas, “ e na que cada cliente ten unha atención personalizada”, puntualizan os alumnos.