DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En Ourense, só o 16% levan nome de muller, desigualdade que se repite en todos os concellos de Galic

As rúas galegas teñen xénero (masculino)

A metade das vías refírense a relixiosas e só unha é de científica, segundo Susana Reboreda e Maribe

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 28/10/2014
Damos un paseo para chegar do campus de Ourense ao centro da cidade. Collemos Doutor Temes, baixamos por Avenida de Castelao e dubidamos se coller a rúa Celso Emilio Ferreiro ou Cardenal Quevedo. Optamos pola primeira e imos ata Curros Enríquez para logo tomar a rúa do Concello, Juan XXIII, Concordia, Progreso e Bispo Cesáreo ata a Praza Maior. Polo camiño deixamos atrás vías con máis nomes de escritores, personaxes senlleiros, cidades, países, provincias e incluso de flora e fauna, pero poucas con nome de muller. E é que en Ourense, das 348 rúas con nome de persoa só 56 son femininos, o 16% do total, unha desigualdade que se repite en todos os concellos de Galicia. Esta é unha das principais conclusións ás que chegaron as profesoras Susana Reboreda e Maribel Doval a partir do estudo do rueiro actualizado da cidade e do plano que entrega a Oficina de Información e Turismo de Ourense. “As porcentaxes que ofrecemos son moi claras e aínda que hai compromiso por parte dalgúns alcaldes de poñer máis nomes de muller nas rúas, isto aínda non se levou a cabo”, explica Reboreda.

Sempre as mesmas e non no centro

As cifras falan por si mesmas: das 56 vías con nome de muller recollidas no rueiro ourensán, o 48% refírense a relixiosas baixo a denominación de ‘Virxe’, ‘Nosa Señora de’ ou ‘Santa’ fronte a outro 21,5% referido a seres mitolóxicos. Só un 10% “alude a escritoras ou humanistas e soamente se atopou unha rúa con nome de científica, outra con nome de personaxe histórico feminino vinculado á cidade e algunha con nomes tan xenéricos como ‘A Marquesa’ ou ‘Damas’”.

Pero esta discriminación histórica cara as mulleres e as súas achegas non queda aí, xa que non só hai poucos nomes femininos, senón que “parece que todas as cidades repiten os mesmos, como Rosalía de Castro ou Concepción Areal, sen moitas variacións. Parece que foran as únicas”, salienta. No caso de Ourense, ademais, case ningunha das vías con nome de muller corresponde aos centros de actividade, de comercio ou históricos da cidade, senón que quedan relegadas “a espazos menos visibles”.

E algunha cidade vai polo bo camiño? “Polo menos en Galicia non”, di tallante Reboreda. “Hai un artigo da revista Andaina na que recollen un estudo de toda a comunidade autónoma e sorprenden os resultados, porque as poucas que aparecen, aparecen sempre”.

Propostas

Este estudo nace a raíz das Xornadas de Muller e Urbanismo. Unha nova mirada sobre a planificación urbanística inclusiva organizadas por Reboreda e Doval, profesoras de Historia Antiga e Didáctica respectivamente, pero moi involucradas coas cuestións de xénero. Xunto co medio cento de participantes, elaboraron un manifesto que intentarán publicar en papel ou de xeito dixital en colaboración coa Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.

Nel propoñen ás autoridades unha revisión do nomenclátor e que se contemple a posibilidade de empregar nomes de oficios tradicionalmente desenvoltos por mulleres (leiteiras, castañeiras, tecelás, parteiras, polbeiras...), nomes de deportistas, de profesoras universitarias... “colocando á muller no papel que lle corresponde e ofrecendo unha representación simbólica dos xéneros máis igualitaria na procura dunha cidade inclusiva afastada da realidade ao nesgo que ofrece na actualidade”. E suxiren que para a selección de novos nomes se consulten traballos como Mulleres ourensás, no que se recolle un importante número de referencias de mulleres vinculadas á cidade.

Urbanismo pouco inclusivo

Xa non é cuestión de nomes, senón de que moitas veces o urbanismo está pensado só para o mundo masculino. “Andamos moito. Dende a situación das mulleres na Antiga Grecia, Roma ou Exipto claro que houbo moitos cambios, pero aínda queda moito por avanzar”, recorda Susana Reboreda. E é que o urbanismo agocha moitos máis problemas de xénero dos que parece, como a seguridade. “Ten que ver coa luminosidade, coa falta de actividade comercial, coa falta de visibilidade... Son sitios nos que a muller corre un risco engadido, xa que non é só que te rouben, senón que se poidan sufrir agresións sexuais”, asegura. Elas, co seu manifesto, están a dar os primeiros pasos para cambiar esa realidade urbanística.