DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O director Xeral de Xuventude presentou o acordo para impulsar o voluntariado no ámbito universitari

Rubén Cela: "Sería dar un paso de xigante que todas as persoas que pasen pola Universidade teñan unha percepción real do que é o voluntariado"

A vicerreitora de Extensión Cultural incidiu na importancia que o voluntariado terá na Universiada

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 25/04/2008

Promover entre o alumnado universitario os valores do asociacionismo e o movemento voluntario son os obxectivos do acordo de colaboración entre a Dirección Xeral de Xuventude e a Universidade de Vigo que se traducirá na realización de actividades formativas que permitan ao movemento voluntario chegar á comunidade universitaria
No caso concreto da Universidade de Vigo a vicerreitora de Extensión Cultura e Estudantes, María del Carmen Cabeza lembrou os plans que a institución académica ten en marcha e entre os que destacan os referidos á reciclaxe de ordenadores, acompañamento a estudantes con necesidades especiais e outras accións puntuais como realización de obradoiros literarios na prisión de A Lama e colaboracións con asociacións que atenden a persoas autistas ou con síndrome de Down.
A vicerreitora destacou a importancia que o voluntariado terá nunha cita como a Universiada que Vigo opta a celebrar no 2013. “Á FISU, con motivo da súa visita a Vigo, trasladámoslle que Galicia ten una gran forza e experiencia na xestión de voluntariado que é un elemento básico na organización dun evento como una olimpíada universitaria”.
Sobre a finalidade deste acordo no que participan as tres universidades galegas coa Vicepresidencia da Xunta e do papel que as institucións académicas deben xogar para fomentar o voluntariado, falamos co Director Xeral de Xuventude, Rubén Cela.

Que importancia ten a Universidade dentro do voluntariado en Galicia. Lonxe do estereotipo que algúns poden ter dunha xuventude apática e desinteresada en colaborar cos demais, a realidade é outra?n e dentro de ese movemento de xente solidaria, unha parte importante deles son universitarios?
Non hai un censo,nin un carné de voluntario, nin catalogación para determinar que é voluntario. As cifras son marcos de referencia relativamente estables e o que si revelan todos os estudos é que nas gráficas de idade hai dous picos: entre os 20 e 30 anos e logo a partir dos 45-50. Isto está moi determinado polo tempo libre do que dispón a xente e que sofre un baixón importante a partir dunha determinada idade cando se asumen responsabilidades familiares ou doutro tipo.
Outro factor importante é a educación. Hai moita xente que non entende que facer algo por unha terceira persoa de xeito gratuíto non sexa ser un "primo", deixando claro ademais que o voluntariado nunca pode eximir da responsabilidade que ten unha administración que está obrigada a garantir uns dereitos e a prestar uns servizos.
Persoalmente estes anos servíronme para romper tópicos que tamén tiña en relación co voluntariado e ter claro que na sociedade actual é moi meritorio que haxa xente disposta a axudar aos demais.

Considera polo tanto unha responsabilidade das administracións e non só políticas, se non tamén educativas, fomentar ese tipo de valores e dalos a coñecer?
Está claro que si. Hai elementos exóxenos que condicionan todo isto. Estes non son os anos 70 é evidente. Eu deixei a Universidade hai moi poucos anos e non ten nada que ver a facultade na que estudei coa que hai hoxe. Aquilo era un fervedoiro político, estudiantil, a todos o niveis e hoxe vas por alí e non hai nada. É certo que hai condicionantes que afectan a toda Europa e desde logo que as administración poden cumprir un papel moi importante niso.
Con todo non hai que confundir unha cuestión que é que a xente é remisa a ter compromisos estables no tempo, o que non quere dicir que determinadas cousas lles resulten indiferentes. Unha cousa é ir unha hora, un día, a unha manifestación e outro son compromisos estables no tempo.

Como se rompe esta dinámica, con educación, con información sobre o que é ser voluntario e como se pode levar á práctica?
Creo que en boa parte todo pasa por probar e ver se lles gusta ou non. A miña experiencia como voluntario foi con 15 e 16 anos nunha casa de acollida en Lugo con nenos fillos de mulleres maltratadas, prostituídas ou con problemas de drogas. Eu sabía que se faltaba unha fin de semana, aqueles nenos quedaban sen ir ao parque, de xeito que simplemente o feito de probar fai que teñas unha implicación cada vez maior nas actuacións
O labor fundamental da administración é non ter un falso paternalismo, nin ser un árbitro imparcial, se non dar a coñecer o voluntariado e socializalo. Un caso paradigmático foi a catástrofe do Prestige que marcou un antes e un despois en relación co coñecemento e valoración do voluntariado. As administracións poden facer moito como por exemplo se fai aquí, na Universidade de Vigo explicando que é voluntariado, cales son os seus dereitos, onde o podes facer, etc.... e logo o que funciona é o boca a boca.

Tamén é importante diversificar actividades, tratar de ofertar opcións de xeito que os potenciais voluntarios poidan a atopar algo que facer no que estar cómodos?
Tes que atopar cousas que che gusten por que non todo o mundo é igual. Xente por exemplo que lle gustan as tecnoloxías poden participar da reciclaxe de ordenadores cun programa como o do GRUVI, a quen lle gusta o mar poder ir ver bichos, a quen lle gusta o monte, ir patear... aí está o Plan Galego en Defensa do Monte Galego. Se che gustan os servizos sociais, poder ir con nenos ou maiores. Creo que esa é a clave, ademais de ver que se pode compaxinar todo e que non implica renunciar ao teu tempo libre, ou a túa familia, a túa relación sentimental, nin aos teus estudos, por que cada un participa na medida das súas posibilidades.

Considera que as universidades, aínda que xa están traballando en cuestións de voluntariado, están chamadas a facer moito máis? E ata que punto a sinatura de convenios destas características pode axudar?
As universidades están cumprindo un papel moi importante, pero desde logo o voluntariado é unha cousa moi recente para todos e tamén para as universidades e todos temos moito que andar. Por exemplo se falamos da responsabilidade social corporativa, non é o mesmo que ti unha vez rematada una carreira de Económicas nunca escoitaras o concepto de voluntariado corporativo que que teñas profesores que che falaran desta cuestión de xeito que se o día de mañá chegas a dirixir unha empresa non te soa a chino.
En xeral creo que como centro integral de formación de persoas que son as universidades, un papel moi importante na formación desas persoas e que os estudantes que pasen polas universidades coñezan que é o voluntariado, que teñan unha visión realista da cuestión para que logo decidan se queren ou non participar. Eu creo que a primeira misión é garantir, e sería un paso de xigante, que todas as persoas que pasen pola universidade teñan unha percepción real do que é o voluntariado.