DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O xadrecista do EXP-UVigo venceu en todas as partidas que disputou no autonómico sub18

Rubén Fernández acada o título de Mestre FIDE tras proclamarse campión galego por oitava vez

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 03/03/2022

Con oito vitorias nos oito enfrontamentos que disputou, o deportista da Escola Xadrez Pontevedra–Universidade de Vigo Rubén Fernández proclamouse campión galego sub18 no torneo disputado nos últimos días en Padrón. Trátase do oitavo título autonómico para un xadrecista que, como sinalan desde o club universitario, “vai camiño de se converter no deportista máis laureado da historia do xadrez galego”. De feito, ademais dos oito títulos de campión autonómico, na traxectoria de Fernández figuran fitos como ser o único galego que ata a data conseguiu unha medalla nun Campionato do Mundo, a que acadou en 2019 no mundial sub 14. 

Por outra banda, o rendemento de Fernández no Campionato Galego permitiulle así mesmo sumar os puntos necesarios para superar a barreira dos 2300 na clasificación internacional, o que lle outorga o título de Mestre FIDE. Como lembran desde o EXP-UVigo, tras este recoñecemento os “seguintes chanzos” serían a titulación de Mestre Internacional e a de Gran Mestre, esta última “ao alcance de moi poucos”, como demostra o feito de que en Galicia só fose acadada por tres deportistas, entre os que se atopa o seu compañeiro de equipo Manuel Pena.

No autonómico sub18, Fernández alzouse co título coa máxima puntuación posible, oito puntos, dous máis que os logrados polo segundo e terceiro clasificado, Pablo López, da Escola Luguesa, e Mauro Sanromán, do Club Xadrez Mos. Por parte da EXP-UVigo tamén competiron Luís Alonso, que foi oitavo con cinco puntos; Juan Manuel Martínez e Miguel Alonso, que remataron nos postos 14 e 16, respectivamente, con 4,5 puntos.