DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sorte dispar para os equipos universitarios

O rugby afiánzase na competición con vitorias en todas as súas categorías

O conxunto de baloncesto rexistrou unha derrota moi pelexada

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Lucía Costas DUVI 15/12/2008
Pleno absoluto foi o rexistrado polos conxuntos de rugby da Universidade. O Ednon TRC gañou de xeito contundente en Barcelona ao BUC por 17-44, nun encontro “bastante cómodo e no que saímos moi concentrados”, valora o adestrador Aníbal Babini. “O partido púxosenos de cara dende o principio”, sinala; no minuto dez conseguiran xa tres ensaios que poñían un 0-17 no marcador; trala reanudación, a tendencia foi aínda máis en aumento ata establecer o resultado final. Despois deste triunfo, o equipo vigués colócase na terceira posición por detrás do Gernika e o Hernani. Tamén os equipos B e xuvenil gañaban por 27-24 e 12-10, fronte ao Fendetestas e ao Ourense respectivamente. Pola súa parte, o conxunto femenino rexistraba un dos seus mellores resultados da tempada, 10-0 diante do Lalín.

Derrota en baloncesto

“Igualado, emocionante e onde a sorte nos foi esquiva”, así califica Cristina Alonso, adestradora do equipo de baloncesto, o partido disputado onte no campus fronte ao C.B. Tui que rematou nun 55-58. Foi nuns intensos últimos minutos cando a vitoria decantouse polo conxunto visitante, onde o Universidade “non tivo tanto acerto no tiro como de costume”, explica Alonso, quen asegura que “ambos equipos profesábanse un gran respeto e iso palpábae nas fortes marcaxes individuais, motivo polo cal no comezo do encontro observábase un xogo intermitente e insistencia dende os banquillos en anular aos xogadores clave”. Con este resultado, os vigueses sitúanse no quinto posto da clasificación con 20 puntos a tan só dous da cabeza, liderada polo C.B. Noia.

Próximos encontros

O vindeiro sábado, no Pavillón Municipal de Porriño ás 20.00 horas, o Universidade de Vigo de baloncesto enfrontarase ao Canteiras, equipo que ven de gañar ao Campus Ourense acadando a sexta posición da táboa a un só punto dos vigueses. “Trátase dun partido moi importante no cal xogamos contra o conxunto máis en forma deste final de ano, que leva unha boa racha e onde teremos a baixa de Empi”, sinala a adestradora.
Pola súa parte, o Ednon TRC medirase fronte ao Gernika, o equipo líder e invicto da Liga. A cita será o domingo no campus vigués.