DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta fin de semana celebrouse a primeira xornada do Circuíto Galego de Rugby 7

O rugby segue con partidos amigables e coa busca de reforzos

O Campus Ourense Rugby feminino busca novas xogadoras

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 21/05/2012

As competicións oficiais de rugby xa remataron pero os xogadores do Campus Ourense Rugby Club continúan, aínda que a un ritmo máis pausado, a súa actividade. Esta fin de semana o primeiro equipo desprazouse a Pontevedra para xogar a primeira xornada do Circuíto Galego de Rugby 7 2012, onde perdeu os dous encontros disputados. Pola súa banda, as xogadoras da categoría feminina do club están xa a preparar a liga que vén e o seu primeiro obxectivo é conseguir reforzar o equipo con máis compoñentes, polo que convidan a todas as persoas interesadas, especialmente da comunidade universitaria, a achegarse a coñecer este deporte e as posibilidades que ofrece.

O Circuíto Galego de Rugby 7 comezou este sábado en Pontevedra e é a primeira cita amigable do Campus Ourense Rugby sénior despois de rematar a liga galega situado nun quinto posto. Organizado polos conxuntos Vigo Iveco RC, CRAT UDC, Os Ingleses RC, Campus Ourense RC, Mareantes Aevents e RC Pontevedra, a primeira xeira de encontros saldouse con dúas derrotas para os ourensáns. O Campus Ourense Rugby perdeu contra o CRAT UDC e contra Mareantes Aevents. “Os resultados foron negativos pero non teñen maior importancia pois son encontros no que o importante é gozar do rugby entre amigos e sobre todo pór en alza e dar a coñecer entre o público o rugby 7. Os partidos disputados permítennos sobre todo ir rodando o equipo coas novas incorporacións”, explica Javier Conde, portavoz do equipo.

Atraer público e xogadoras

O circuíto continuará o vindeiro 26 de maio en Vilagarcía e chegará ao campus de Ourense o 10 de xuño, cando as instalacións universitarias de rugby acollerán a terceira xornada de encontros antes do seu peche o 16 de xuño na cidade da Coruña. “Animamos a todas as persoas interesadas a achegarse a ver estes partidos pois o rugby 7 é unha modalidade deportiva moi vistosa, máis áxil e rápida que o rugby tradicional e defensivo de 15 xogadores”, apunta Conde.

Mentres os equipos infantís e cadetes tamén descansan despois de rematar as súas ligas en cuarto e quinto lugar respectivamente, as xogadoras de rugby están a traballar para consolidar o seu equipo e garantir a súa continuidade o vindeiro ano. “As rapazas xogaron esta tempada por primeira vez e aínda que non conseguiron gañar ningún partido só o feito de acadar sacar a diante un equipo xa é un logro enorme. Agora están traballando moi duro para atraer novas xogadoras ao equipo”, explica Javier Conde. Deste xeito, desde o Campus Ourense Rugby Club animan ás alumnas e demais persoas da comunidade universitarias interesadas na práctica deste deporte que se acheguen ás instalacións deportivas a coñecer como funciona o equipo e este deporte en xeral. A experiencia deportiva e humana, salientan, compensa o esforzo físico e persoal que require.