DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun convenio asinado coa Vicerreitoría

O rugby súmase aos equipos deportivos do campus

En baloncesto o equipo masculino mantense na Liga Autonómica, mentres que as xogadoras descenden á I

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noelia V. Vilanova DUVI 29/09/2009

No ano 2004 os xogadores dos dous clubs de rugby existentes na cidade, Club Rugby Ourense e Santa Compaña, uníronse nun só para formar un novo proxecto chamado ARVO. Ese mesmo ano o equipo conseguiu o ascenso á Liga Nacional por primeira vez na historia do rugby ourensán e sentou as bases para creación dunha escola de formación de xogadores que asegurase a continuidade deste deporte na cidade. Foi na pasada tempada, “unha das máis importantes na historia do rugby en Ourense”, comenta Abraham Martínez, delegado do conxunto, cando ARVO asina un convenio coa Vicerreitoría para pertencer a partir deste ano á estrutura de equipos deportivos da Universidade de Vigo, pasando a denominarse Campus Universitario de Ourense Rugby Club. A través deste convenio o club comprométese “á promoción do rugby dentro da Universidade, onde entre outras cousas creará escolas de rugby e oficinas de información para os estudantes”, explica Martínez. O club está composto por catro categorías: infantil, cadete, xuvenil e absoluta, polo que o rango de idades é moi amplo, conta con xogadores dende os 12 ata os 43 anos dalgún veterano. Entre as catro categorías chegan aos 100 xogadores contando co equipo absoluto que ten aproximadamente uns 28 integrantes.
Esta tempada que comeza semella será histórica para o club, xa que por primeira vez a cidade contará cun campo de rugby específico, que se está a rematar nas instalacións do campus de Ourense e co que o equipo poderá contar, previsiblemente, despois do Nadal. “É unha gran nova para os rapaces dos equipos do club, que levan varios anos mendigando por toda a provincia campos nos que poder adestrar e xogar.” Outras novidades para este ano son as incorporacións ao corpo técnico e á xunta directiva de Antonio González como director deportivo do club e Eduardo de la Fuente como responsable do equipo xuvenil.

Previsións para esta tempada

O equipo sénior, que este ano participará na Liga Nacional non ten moitas novidades con respecto ao pasado ano. O cadro, adestrado por Ernesto Barboza, contará coa incorporación de xogadores da canteira, formados dende cadetes no club, e algunha incorporación puntual como a de Mundina que será un bo reforzo para os dianteiros do equipo. O resto dos xogadores serán practicamente os mesmos que o ano pasado “lideraron a clasificación durante toda a primeira volta e que ao final do campionato, despois de ter xogado todos os encontros como visitantes, só puideron ser cuartos”, apunta Martínez. Os principais obxectivos para este ano do equipo absoluto son “manter un bo nivel durante todo o ano e afianzarse na zona alta da clasificación, así como crear un grupo compacto coa integración dos novos xogadores procedentes da canteira”.
Nos encontros desta tempada enfrontaranse contra os rivais que militan no grupo A da división Nacional e que corresponden a Galicia, Asturias e Castela e León; “Belenos de Avilés, Crat de A Coruña, Cowper RC de Oviedo, Salamanca RC e Os Ingleses de Vilagarcía son algúns dos rivais do equipo este ano”, indica Martínez.
Polo momento, os adestramentos dos equipos do club divídense entre as instalacións do Pavillón dos Remedios e o campo de Oira, e os encontros de casa dispútanos en Monterrei, normalmente os sábados ás 16,30 horas pero a comezos do vindeiro ano “agardamos estea rematado o campo de rugby que se está a construír no campus e que ese sexa o noso lugar de adestramento e de xogo”.
A tempada para o equipo absoluto comeza o vindeiro dia 11 de outubro, día no que se enfrontarán en Monterrei contra o equipo coruñés de Fendetestas As Pontes. Pola súa parte, os equipos base comezarán a tempada a finais de ano, antes do Nadal.

Novidades en baloncesto

As seccións de baloncesto feminino e masculino do campus contan con novidades para este ano. O equipo masculino permanece na Liga F.G.B. na que xa xogaba o pasado ano, aínda que esta tempada a competición preséntase dividida en dous grupos: norte e sur, onde xogarán os de Ourense. O primeiro encontro do ano disputarase o 17 de outubro contra o C.B. Tui. Pola contra, a equipa feminina descende de clasificación, pasando a xogar na categoría Interzonal, o que supón que o campus non contará con ningún conxunto de mulleres na Liga Autonómica.
No tocante aos adestradores non hai cambios, Javier Pérez continuará guiando aos xogadores, mentres que Roberto Pérez seguirá coa equipa feminina.