DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O rugby volve esta fin de semana a Vigo e Ourense

Os vigueses viaxan a Eibar e o Campus de Ourense recibe ao líder da súa categoría, o CRAT

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 23/10/2009
Para o Ednon Universidade de Vigo comezar a tempada perdendo é case unha tradición pero iso non marca en ningunha medida o transcorrer da competición. Por ese motivo, despois de unha xornada de descanso e dunha derrota no primeiro encontro ante o Oviedo, os universitarios volven ao xogo con folgos renovados para medirse ao Eibar Hierros Anetxe.
Este domingo desprázanse á vila vasca para tentar cambiar a traxectoria da primeira xornada e volver senda do pasado ano que os fixo rematar terceiros loitando polo ascenso. O encontro será o domingo ás 12.00 horas no campo do Eibar.
Pola súa banda, o equipo B mídese este sábado ás 17.00 horas na casa ante o Fendetestas co obxectivo de consolidar o seu xogo e seguir sumando vitorias na Liga Galega Territorial, despois de imporse a pasada fin de semana en Lugo ao Maseda.

Rugby tamén en Ourense

O Campus Universitario de Ourense Rugby Club xoga tamén esta fin de semana e farao ante o líder da Liga Nacional, o CRAT Coruña. Para o encontro, que será o sábado ás 16.30 horas en Monterrei, os xogadores teñen motivación extra dada a importancia dun encontro no que se miden a un dos seus rivais directos polos postos de cabeza que dan dereito a xogar a fase de ascenso. Para o partido, o adestrador poderá contar con moitos dos xogadores que foron baixa na xornada anterior, coa excepción de Diego Campos por lesión e Carlos Martínez sancionado.