DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa enmárcase dentro do traballo de educación ambiental da OMA

A 'Ruta das Árbores' do campus, agora tamén dispoñible na rede e para visitas en grupo

O itinerario amosa a riqueza botánica dos xardíns universitarios

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 19/01/2011
Os xardíns do campus de Ourense son especiais por dous motivos. Por un lado, ao estar integrados na cidade son empregados habitualmente por ourensáns para pasear e gozar da natureza. Por outro, contan con árbores moi interesantes desde o punto de vista botánico polo seu tamaño ou idade, pois algunhas delas son de principios do século XX. Para valorizar e dar a coñecer esta riqueza ás persoas que habitualmente pasean polos xardíns e aos demais ourensáns, a Oficina de Medio Ambiente (OMA) vén de publicar na súa web a Ruta da Árbores do campus e habilita a posibilidade de facer este percorrido nunha visita guiada.

“Un dos obxectivos da OMA é a educación ambiental e con estas dúas novas iniciativas pretendemos que a xente se achegue máis ao campus a coñecer as especies que temos e as súas características”, salienta David Taín, técnico da Oficina de Medio Ambiente do campus de Ourense. O seu departamento identificou no ano 2007 25 especies ornamentais nos xardíns universitarios, colocando unha ficha explicativa ao pé de cada unha e deseñando un percorrido entre elas que chamaron a Ruta das Árbores.

Visitas guiadas en grupo

Para dinamizar esta ruta a partir de agora o itinerario e toda a información necesaria para coñecer as especies existentes están dispoñibles e actualizados na web da Universidade de Vigo. A través das fichas de cada árbore, os interesados poden coñecer especies de case cen anos, como os cedros do Atlas, o Líbano e o Himalaia, ou especies como o abeto de Douglas, unha das árbores que alcanza maior altura no mundo. Ademais de árbores ornamentais de diferentes países, tamén se poden apreciar exemplares de especies típicas de Galicia, como o acivro, o loureiro ou o érbedo.

“Ademais de pór nas fichas a información básica de cada exemplar, como o seu nome, orixe, distribución, bioloxía e usos, fixemos fincapé en destacar información útil ou curiosa, para espertar a atención e interese da xente. Así por exemplo no caso da sobreira indicamos que en 1667 se descubriu na súa cortiza a estrutura celular dos seres vivos” explica o técnico da OMA.

Para os que despois de ver a ruta on-line se decidan a facela in situ, a OMA vén de habilitar tamén a posibilidade de solicitar unha visita guiada en grupo. Durante a visita persoal da Oficina de Medio Ambiente explicaralles aos participantes as características destas especies e a riqueza botánica da zona. A iniciativa está aberta a toda a sociedade, desde asociacións de veciños ata centros educativos e ourensáns en xeral. Para inscribirse hai que chamar ao teléfono 988 387 314 ou escribir a omaou@uvigo.es.

Mentres se dinamiza a Ruta das Árbores con estas dúas novas propostas, a OMA ultima a sinalización doutras 40 árbores que enriquezan este itinerario e que descubran os tesouros botánicos que agochan os xardíns universitarios ourensáns.