DUVI

Diario da Universidade de Vigo

46 estudantes inauguraron as visitas guiadas de centros aos xardíns do campus

A Ruta das Árbores mergulla aos escolares na biodiversidade

A iniciativa enmárcase na celebración da Semana da Ciencia 2011

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 08/11/2011
Os estudantes de primeiro da ESO do centro ourensán Santo Ángel cambiaron este luns e martes as súas clases por unha viaxe moi especial. A través da Ruta das Árbores do campus de Ourense achegáronse á biodiversidade do planeta nun percorrido que os levou a coñecer in situ especies procedentes dos cinco continentes. Os 46 alumnos que participaron nestas visitas guiadas e didácticas polos xardíns universitarios inauguraron unha iniciativa que terá continuidade ao longo do curso académico e coa que se pretende espertar a conciencia ambiental e o respecto pola natureza entre os máis novos.

A Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo e a Concellería de Educación de Ourense son os organizadores desta serie de visitas nas que participará alumnado de 1º e 2º da ESO e Bacharelato de diferentes centros da cidade das Burgas. “O obxectivo é fomentar a educación e a sensibilización ambiental entre os rapaces e rapazas a través da divulgación e a aprendizaxe, para que estas novas xeracións transformen o mundo a mellor”, salientou María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, na benvida aos participantes este martes.

Os “dinosauros” vexetais

Con moita curiosidade e gañas de gozar da visita a pesar do frío existente, o grupo de estudantes do Colexio Santo Ángel realizaron cada día un percorrido polas 25 especies presentes no campus comezando por a un “auténtico dinosauro”, unha árbore chamada ginkgo biloba, procedente de China central que pode vivir 2500 anos e cuxos antepasados datan de 270 millóns de anos atrás. Con estes datos na cabeza, os estudantes puideron coller eles mesmos das polas desta árbore as follas que estaban a piques de caerse e comprobar como aínda hai “dinosauros” moi vivos.

Con este prometedor inicio, as visitas continuaron guiadas por José Manuel P. Teijeiro, responsable de xardíns e zonas verdes do campus de Ourense, polas diferentes zonas do campus e facendo fincapé nos aspectos máis interesantes e anecdóticos das árbores, como a procedencia xeográfica, a idade de vida ou os usos das árbores, co obxectivo último de atraer e manter a atención do público escolar. Entre especie e especie, Teijeiro foille explicando tamén aos estudantes cuestións como os tipos de árbores que existen segundo lles caia ou non a folla, como se reproducen e alimentan as plantas, a función das frores e outras cuestións xerais similares.

Ademais do alumnado, escoitaba atenta as explicación do guía María Felicidades Yáñez, docente do Colexio Santo Ángel que acompañou o luns aos rapaces no percorrido e que salientou o valor desta iniciativa para espertar a curiosidade pola natureza entre os escolares, xa que “é un xeito de que aprendan saíndo das aulas”.

A iniciativa lévase a cabo coincidindo coa celebración da Semana da Ciencia 2011, o evento de divulgación científica de referencia internacional organizado en España por Fecyt-Ministeiro de Ciencia e Innovación, que este ano conmemora precisamente o Ano Internacional dos Bosques.