DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A idea do percorrido xurdiu da Vicerreitoría do campus e foi realizada pola OMA

A “Ruta das árbores” propón un paseo entre as 25 especies diferentes do campus

Enmárcase dentro do proxecto "Campus Terrae"

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 02/06/2008

O privilexiado enclave do campus de Ourense, en pleno núcleo urbano e rodeado de natureza atrae habitualmente aos paseantes da cidade que a partir de agora poderán aprender mentres camiñan pola zona grazas á Ruta das Árbores que a Vicerreitoría do campus, a través da Oficina de Medio Ambiente, puxo en marcha estes días. O percorrido comprende un total de 25 especies diferentes de árbores sinalizadas cos seus datos, algunhas delas senlleiras pola súa idade ou o seu porte.
A idea da ruta enmárcase dentro dun dos proxectos estrela da Vicerreitoría, o Campus Terrae, co que se pretende redefinir o espazo para facelo máis acolledor e integralo no medio ambiente. José Teijeiro e David Taín, da OMA, foron os encargados de levala a cabo para “dar a coñecer a natureza desta cidade e concretamente a que temos máis próxima, que é a do campus” explicou Taín quen engadiu que se trata “dunha iniciativa que pertence ao eido da educación ambiental”. A grande variedade arbórea remóntase a comezos de século, cando se construíu o antigo hospital que máis tarde se converteu en universidade e hoxe alberga os edificios das facultades. “Calculamos que os xardíns do hospital foron feitos a partir de 1910, polo que temos aquí árbores de case un século, como os cedros” comentou David Taín.
O paseo comeza á entrada do campus, diante do Pavillón 1, onde aparece o mapa co percorrido completo, e continúa cara o Edificio de Ferro, deixando atrás o Pavillón de Físicas, ata dar a volta xunto o Edificio Politécnico, rodear a Unidade Administrativa, continuar á beira do estanque e rematar ao pasar o Pavillón das Asociacións de Estudantes. Aínda que abondan as árbores tradicionais en xardinería, destacan por exemplo “o xinkgo, que é a máis antiga do mundo, case un fósil vivinte” dixo Teijeiro que puntualizou que “ultimamente só plantamos árbores autóctonas como o acivro ou o loureiro” dixo.

Unha gran variedade de especies

A Ruta das árbores comprende un total de 29 exemplares que corresponden a 25 especies diferentes sinalizadas ao longo do percorrido cun cartel onde se indica o seu nome en galego e latín, a súa orixe, a súa distribución xeográfica, detalles da súa bioloxía e os usos que o home fai de cada árbore. Dous abetos de Douglas, dous cedros do Atlas, un liquidámbar, dous cedros do Líbano, unha cerdeira de Xapón, un alfaneiro chinés, un acivro, un choupo negro, unha sófora, un ciprés de Leyland, un loureiro, un ciprés, un érbedo, unha árbore do amor, un piñeiro manso e outro silvestre, un abeto español, dous plátano de sombra, un tileiro, unha maceira de flor, un xinkgo, unha sobreira, unha dracena, un cedro do Himalaia e unha palmeira de abano forman parte de gran variedade vexetal do campus norte. Todas elas aparecen recollidas nos trípticos informativos que se distribuirán por todos os edificios do campus e onde se explica claramente a súa situación nun mapa do percorrido.