DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O último roteiro do curso adiántase ao 19 de abril

A ruta do Mosteiro de Montederramo poderá ser realizada a pé ou en bicicleta

Incluirá a participación na 1ª Ciclo Ruta do Santo, organizada polo Concello de Montederramo

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Marta Casanova DUVI 15/04/2008

Os roteiros culturais deste curso chegan ao seu fin o sábado 19 cunha orixinal proposta: para realizar a etapa correspondente á serra de San Mamede, os participantes sumaranse á 1ª Ciclo Ruta do Santo, que organiza o Concello de Montederramo. Así, poderán escoller entre cubrir os 29 quilómetros dos que consta, andando, correndo, ou en bicicleta, e ademais, a actividade será complementada cunha visita guiada ao mosteiro de Santa María de Montederramo, un xantar gratuíto, sorteo de agasallos e un concerto de música folk.
“Esta é a primeira vez que os ciclistas poden participar nun roteiro” explicou o organizador, Willy García-Calvo, “que nesta ocasión, é circular e de dificultade media-alta porque aínda que os primeiros catro quilómetros son regulares, despois ata o quilómetro 11 é todo ascenso, para subir á serra, que ten 1615 metros de altitude. A partir de aí é todo baixada”. Ademais engadiu que “a ruta comeza e remata no mosteiro, non pasa por ningún pobo, só polo monte, nunha zona protexida pola súa concentración de acivros e bidueiros, unha das máis grandes de España” dixo. “Segundo conta a lenda, era o sendeiro que realizaba para rezar San Mamede, dende a ermida que leva o seu nome, ata o mosteiro de Montederramo, que é unha construción románica do século XIII, agora restaurada” comentou o organizador.

Información para os participantes

No momento de realizar a inscrición, en calquera oficina do Servizo de Deportes dos tres campus, os participantes terán que especificar se van realizar a etapa a pé ou en bicicleta. Os prezos son os mesmos que no resto das rutas: 8 euros para os membros da comunidade universitaria e 13 para os usuarios externos. O que si varía nesta ocasión son os horarios de comezo e de saída dos autobuses. Todos os participantes terán que estar en Montederramo ás 9.15 horas, polo que os autocares sairán da Alameda de Pontevedra ás 7.00 horas, da rúa Areal de Vigo ás 7.30, e do campus de Ourense ás 8.30.
Ademais, non será necesario levar comida, “xa que a organización ofrecerá avituallamentos gratuítos ao longo do percorrido e un xantar composto de produtos típicos e patrocinado polo INORDE, ao finalizar a etapa. O que si é recomendable e levar auga, así coma calzado e roupa axeitados” engadiu García-Calvo.