DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un roteiro polo Ribeiro inaugura o día 9 de outubro a programación deste curso

As rutas culturais 2011/2012 póñense en marcha

O Servizo de Deportes ofrece ata maio 11 excursións polas provincias de Ourense e Pontevedra

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 07/10/2011
O Ribeiro, O Galiñeiro, o río Loña, Santa Tegra, Montederramo, Salvador dos Penedos, os Canóns do Sil, Campo Lameiro, O Morrazo e varios tramos da Vía da Prata. Con todas estas paradas por diante, as rutas culturais 2011/2012 da Universidade de Vigo póñense en marcha. A través de 11 excursións, comezando pola vendima no Ribeiro e rematando na praia no Morrazo, o Servizo de Deportes ofrece un ano máis percorrer a pé diferentes lugares de Galicia que destacan polo seu valor cultural ou paisaxístico. A súa proposta: deporte, turismo e cultura en boa compaña.

Segundo explica José García-Calvo, Willy, coordinador dos roteiros no campus de Ourense, esta edición das rutas culturais caracterízase por diversificar a súa oferta, ofrecendo novas propostas na provincia de Ourense e ampliando o número de itinerarios na provincia de Pontevedra. O obxectivo, salienta, é contar cunha programación diversa e atractiva que satisfaga tanto ao público xa fidelizado desta iniciativa coma aos novos posibles usuarios deste servizo. En todo caso e alén dos percorridos propostos, o maior aliciente para animarse a participar nestas rutas é, tal e como destacan os seus organizadores, o excelente ambiente que se respira en cada unha das viaxes.

Primeira parada

Os itinerarios arrancan o domingo día 9 de outubro na zona do Ribeiro, aproveitando que acaba de celebrarse a vendima. O percorrido, de dificultade media e de arredor de 28 quilómetros, será Leiro-Paredes-Pena Corneira-Berán-San Clodio, Leiro. Cos arredor de 80 inscritos estarán, ademais dos organizadores, dous técnicos da área de Turismo e Historia para achegar aos participantes información sobre os lugares que se visitan. Como en anos anteriores, participarán nesta ruta e nas demais que se celebren membros da comunidade universitaria e persoas alleas a ela, tendo preferencia os primeiros. Un autobús recollerá aos participantes, que pagarán por cada excursión entre 10 e 15 euros, nos tres campus da Universidade de Vigo.

Un curso por diante

Tras este comezo, celebraranse durante 2011 outras tres excursións máis. Serán unha ruta por un tramo da Vía da Prata que culminará nas termas de Outariz; unha camiñata polo Galiñeiro, onde se visitarán os restos arqueolóxicos do Monte Aloia, e unha visita polos muíños do río Loña, que rematará cun típico magosto ourensán.

En 2012, o Servizo de Deportes organizará 7 roteiros culturais. Comezarán en febreiro cunha visita aos muíños do Folón e ao castro de Santa Tegra e continuarán cunha visita ao mosteiro de Montederramo e unha ruta por San Salvador dos Penedos, que incluirá unha visita ao conxunto artístico de Santa Mariña de Augas Santas. O río Mao, os Canóns do Sil e Campo Lameiro, co seu Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre, serán outros dos lugares a visitar ao longo do curso. Como peche a esta programación, celebrarase en maio unha excursión pola zona do Morrazo na que os roteiros culturais 2011/2012 rematarán dándose un baño na praia.