DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha andaina que se celebrará o sábado 29 de abril

As rutas culturais achegaranse de novo ao Camiño dos Faros

As persoas participantes percorrerán o tramo entre Ponte do Porto e Muxía

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 25/04/2023

O sábado 29 de abril celebrarase unha nova andaina da programación de rutas culturais que este curso académico organiza a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo. Nesta ocasión, o destino será un tramo do coñecido como Camiños dos Faros, concretamente o que vai de Ponte do Porto a Muxía. A inscrición está aberta á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral.

A ruta é a décima andaina deste curso académico e a sexta deste segundo cuadrimestre. Con 18 quilómetros de percorrido e unha dificultade media-alta, seguirá o traxecto Ponte do Porto, porto de Cereixo, A Barreira, faro e praia do Lago, Merexo, praia de Area Maior, Chorente e Muxía. Segundo indican desde a súa organización, esta ruta pertence ao Camiño dos Faros da Costa da Morte, concretamente á etapa 6 entre Camariñas e Muxía. Será a segunda vez que os roteiros universitarios fagan un tramo deste camiño, do que a organización das andainas da UVigo destaca que discorre “ao longo de 200 km entre Malpica e Fisterra e percorre esta abrupta, máxica, fermosa e salvaxe costa”. O percorrido inclúe paradas interpretativas a cargo de persoal especializado.

Autobuses desde os tres campus da UVigo

Hai dispoñibles en total 55 prazas para os campus de Vigo e Pontevedra e outras 55 para o campus de Ourense, habendo autobuses para trasladar ás persoas participantes dende os tres campus da UVigo. A inscrición en cada ruta está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior á súa celebración no Campus Activo da UVigo. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores á andaina permitirase a inscrición de calquera persoa interesada. As persoas menores de 16 anos que desexen participar nesta actividade irán sempre acompañadas dunha persoa adulta responsable e deberán poñerse en contacto coa organización para formalizar a súa inscrición.

O prezo de cada roteiro oscila segundo o colectivo de pertenza e cada un recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración. Todos os itinerarios para GPS poden descargarse, xunto coas fotografías de cada percorrido e toda a información complementaria, no blog das andainas. O equipo aconsellable para todas as rutas é, segundo indica desde a organización, mochila pequena con chuvasqueiro, paraugas, apósitos para as bochas, muda completa, navalla, cantimplora ou similar e, a partir do mes de marzo, viseira ou gorra. Para todas as andainas as persoas participantes levarán a súa comida (bocadillos, froita, froitos secos, bebidas, etc.).