DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A terceira andaina do Servizo de Deportes celebrarase o día 23

As rutas culturais adéntranse no monte baixo e nos castros de Cualedro

Case un centenar de persoas participarán neste novo itinerario

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 19/11/2013
Despois da dura excursión celebrada o día 9 de novembro pola Ribeira Sacra, as rutas culturais do Servizo de Deportes volven este sábado, día 23, "ás andadas". Será realizando un itinerario de pouca dificultade que somerxerá aos participantes nos castros do Concello de Cualedro e na inhóspita paisaxe do monte baixo durante o inverno e despois de ser pasto dos incendios forestais do verán. Como en anteriores, arredor dun centenar de membros da comunidade universitaria e persoas alleas a ela participarán nesta nova proposta para seguir coñecendo a provincia de Ourense e Galicia en xeral.

O itinerario, de 17 quilómetros de distancia e dificultade baixa, percorrerá A Saceda, A Xironda, San Millao e A Magdalena, incluíndo unha visita guiada aos castros da Saceda e San Millao. “Esta ruta será moi singular, de contrastes. Comezará no Castro de Saceda, que está moi ben rehabilitado, e logo, durante arredor de nove quilómetros, percorreremos unha paisaxe desoladora de monte baixo queimado polo lume deste verán. A partir do Castro de San Millao a cousa mellora e xa poderemos ver natureza e algún pobo como o da Magdalena, que sorprende polo seu tamaño no medio dunha paisaxe despoboada”, explica José García-Calvo, Willy, coordinador dos roteiros da Universidade de Vigo.

Deporte, natureza e cultura

Este roteiro, explican os seus responsables, será tanto pola súa extensión como polo tipo de percorrido moi accesible para os participantes. Seguindo a filosofía destes itinerarios de mesturar deporte e natureza con coñecemento histórico e patrimonial da contorna, unha vez máis a excursión será especialmente enriquecedora polas explicacións que o arqueólogo Martiño Xosé Vázquez dará sobre os castros que se visitarán e sobre os restos históricos que ao longo dos quilómetros percorridos se atoparán os camiñantes desta andaina.

Como en anteriores ocasións, poden inscribirse nesta andaina ata esgotamento de prazas persoas da comunidade universitaria e de fóra dela, cun custe de 10 euros para o primeiro colectivo e de 15 para o segundo. As saídas serán ás 09.00 horas dende Ourense na cafetaría Bekas, ao lado do campus; en Pontevedra nas proximidades do Cafetín da Alameda; e en Vigo na antiga Reitoría da rúa do Areal, estando previsto o regreso a media tarde. Os inscritos deberán levar a súa propia comida e o equipo aconsellable para este tipo de actividades de deporte ao aire libre.