DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O quinto roteiro deste curso celebrarase o día 26 de xaneiro

As rutas culturais arrancan 2013 percorrendo os Sete Camiños

Os participantes coñecerán a riqueza natural e arqueolóxica deste enclave pontevedrés

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 18/01/2013

O día 26 de xaneiro as rutas culturais que organiza o Servizo de Deportes da Universidade de Vigo arrancan a súa programación do ano 2013. Un cento de participantes percorrerá nesta ocasión o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, un enclave actualmente en estado de recuperación e valorización que conta co apoio de preto dunha vintena de colectivos socioculturais e veciñais de Pontevedra, Marín e Vilaboa. “Esta andaina destaca pola súa heteroxeneidade. Será moi atractiva porque veremos paisaxes moi diferentes e porque unha vez conxugaremos moi ben deporte, natureza e cultura”, destaca José García-Calvo Willy, coordinador das rutas universitarias.

O itinerario, de dificultade media-alta e 20 quilómetros de distancia, percorrerá O Toural, Casanova, Lago de Castiñeiras, Chan do Vilar, O Toural, Salinas e Ulló. “Comezaremos percorrendo dez quilómetros de costa e praia, seguiremos por unha zona de muíños, na que se conservan arredor dun ducia de construcións, e continuaremos ata o Lago Castiñeiras”, explica José García-Calvo. Neste punto incorporaranse á ruta o arqueólogo Lukas Santiago, autor do proxecto dos Sete Camiños, e o antropólogo Rafa Quintía, que ofrecerán aos asistentes unha visita guiada por este espazo natural e arqueolóxico. Estará con eles tamén Martiño Xosé Vázquez, arqueólogo do campus de Ourense e colaborador das rutas culturais.

Complexos rupestres, mámoas e moito máis

“Sete Camiños é o nome do lugar, coa súa correspondente lenda, onde conflúen as parroquias de Lourizán, Salcedo e San Xulián. Quixemos darlle este nome ao proxecto para recoller o cruce de vontades e sensibilidades que deron lugar a esta iniciativa”, explica Lukas Santiago. O complexo, subliña, destaca por concentrar nunha pequena área unha gran cantidade de elementos de interese arqueolóxico e etnográfico, ademais de contar cunha paisaxe de gran beleza. Deste xeito, durante a súa visita os participantes na ruta poderán coñecer conxuntos rupestres como o do Regato dos Buracos, un dos máis destacados do Concello de Pontevedra, e o do Pornedo, situado no Concello de Marín. Tamén se achegarán ás mámoas dos Sete Camiños e á do Catadoiro, entre outros restos.

Será, apunta o coordinador dos roteiros do Servizo de Deportes, “unha estupenda ruta para pórnos de novo en marcha, saíndo nesta ocasión da provincia de Ourense e achegándonos a outros recunchos de Galicia, tal e como nos propuxemos na programación deste curso”. Coma nas anteriores andainas, nesta ocasión participarán dous grupos, un procedente dos campus de Vigo e Pontevedra, e outro do campus de Ourense. As saídas serán ás 08.00 h desde Ourense na cafetaría Bekas, ao lado do campus; en Pontevedra nas proximidades do Cafetín da Alameda; e en Vigo preto da antiga Reitoría da Rúa do Areal. Os inscritos deberán levar a súa comida e o equipo aconsellable para calquera andaina, como son unha mochila, un chuvasqueiro, un paraugas, apósitos, unha muda, unha navalla e unha cantimplora.