DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A quinta andaina do Servizo de Deportes terá lugar o día 25 de xaneiro

As rutas culturais arrancarán na Vía Nova a súa programación de 2014

Os participantes coñecerán o conxunto arqueolóxico Aquis Querquennis

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 09/01/2014

De volta das vacacións de Nadal e cheos de bos propósitos para este ano novo, a comunidade universitaria retoma paso a paso a súa actividade habitual. Deste xeito, o día 25 de xaneiro as rutas culturais que organiza o Servizo de Deportes da Universidade de Vigo volverán “ás andadas” celebrando o seu quinto roteiro pola Vía Nova, concretamente pola zona ourensá de Lobios e polo conxunto arqueolóxico de Aquis Quarquennis. Será o primeiro dos sete itinerarios que no segundo cuadrimestre levarán aos amantes destas excursións a visitar algúns dos recunchos máis fermosos ou con máis historia da contorna.

O itinerario, de 20 quilómetros de distancia e dificultade baixa-media, pasará por Lobios, A Portaxe, Ganceiros, Parada de Ventosa, Tedos, Ermille, Santa Comba e Porto Quintela. A excursión inclúe unha visita guiada á capela de Santa Comba de Bande e ao conxunto arqueolóxico Aquis Querquennis. O atractivo deste itinerario, destacan os seus organizadores, está non só na riqueza da paisaxe e da natureza pola que decorrerá o camiño, senón pola historia que o sustenta e os restos arqueolóxicos que se visitarán. A Vía Nova foi unha calzada construída no século I polos romanos para unir por motivos comerciais as cidades de Braga e Astorga, atravesando a provincia de Ourense de suroeste a noroeste. Durante a andaina organizada polo Servizo de Deportes, os participantes coñecerán a Aquis Querquennis, os restos dun campamento romano situado á beira do embalse das Conchas que se supón ocupado entre os séculos I e II e construído probablemente para vixiar esta Vía Nova.

Con moitas opcións para escoller

Con esta andaina, alén de comezar a programación deste ano, as rutas culturais da Universidade de Vigo, coordinadas por José García-Calvo Willy, achegaranse ao seu ecuador. Tras este quinto percorrido e ao longo deste segundo cuadrimestre do curso, os seguidores desta práctica deportiva e cultural terán a oportunidade de achegarse a lugares como San Mamede, as rías da provincia de Pontevedra, o Pico da Nevosa, as praias do Norte de Portugal, a Ribeira Sacra e a Enseada de San Simón, entre outros. Con moitas novidades no cartel, os roteiros agardan repetir en 2014 unha vez máis o éxito da súa programación, que cada edición destaca polo éxito de inscricións e pola satisfacción dos participantes en cada percorrido.

As persoas interesadas en inscribirse neste percorrido pola Vía Nova ou en calquera dos itinerarios que se ofrecen para o ano 2014 poden facelo ata o martes anterior a cada saída. Sendo as prazas limitadas, xeralmente son arredor de 80 as persoas que participan en cada excursión. O prezo xeral de cada ruta é de dez euros para os membros da comunidade universitaria e de 15 euros para as persoas alleas a ela, podendo ter descontos con diferentes bonos segundo a cantidade de rutas que se queira facer.