DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O percorrido, de 27 quilómetros, rematará no Mosteiro de Montederramo

As rutas culturais chegan esta fin de semana ao Alto de San Mamede en busca de neve

Durante a excursión os participantes poderán descubrir a contorna histórica e natural da zona

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 16/02/2011
En contra do que se pode pensar a priori, o inverno e o mal tempo tamén ofrecen aos que gustan de camiñar oportunidades moi interesantes para a práctica deportiva e o goce da natureza. Con esta perspectiva, o sábado día 19, o Servizo de Deportes do campus de Ourense organiza unha ruta cultural na que os participantes intentarán ascender ata o Pico de San Mamede e poder gozar así da neve que estes días cubre algunhas zonas altas de Galicia. E é que ao mal tempo boa cara e hai que intentar verlle o seu lado positivo.

O percorrido, de 27 quilómetros, seguirá a ruta Arnuide-O Caudillo-Alto de San Mamede-Bidueira-Mosteiro de Montederramo. Segundo explica José García-Calvo, Willy, coordinador dos roteiros do campus, “o máis destacado deste percorrido é a ascensión ao Alto de San Mamede, no que chegaremos a camiñar sobre os 1100 metros de altura, cando normalmente estamos en 400 ou 500 metros. Co tempo que estamos tendo e con esas altitudes agardamos poder gozar da neve”.

O Alto e a Serra de San Mamede forman parte do macizo ourensán, considerado o espazo natural máis completo de alta montaña galega e cualificado como Lugar de Importancia Comunitaria e membro da Rede Natura. Ademais da riqueza natural deste territorio, as arredor de 80 persoas que participen na camiñata poderán gozar do valor patrimonial da zona, xa que o roteiro rematará no Mosteiro de Santa María de Montederramo, un templo medieval posiblemente fundado no século X e que se chegou a ter un gran poderío económico e social no século XVIII, ata a desamortización.

5 chanzos de dificultade

Durante a excursión os participantes poderán descubrir esta contorna histórica e natural da zona, para o que contarán coa axuda e explicacións de dous licenciados en Historia e Turismo que lles irán amosando a riqueza dos lugares que visitan. Dada a dificultade deste percorrido, cualificado con 5 chanzos, e as súas características climáticas adversas, neste caso o coordinador da ruta salienta a importancia de que os participantes vaian axeitadamente abrigados e protexidos, ademais de levar o equipo habitual para un percorrido, como é comida, bebida e unha mochila con chuvasqueiro, navalla, cantimplora e muda de reposto.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse no Servizo de Deportes organizador. Poden participar membros da comunidade universitaria dos tres campus da Universidade de Vigo pero, co obxectivo de dar entrada a persoas alleas á Universidade, cada membro da comunidade universitaria poderá vir acompañado dun non universitario. O prezo varía en función de se trata de membros da universidade ou non e do número de percorridos que se queiran facer, custando un itinerario 8 euros a unha persoa da comunidade universitaria e 13 euros se é de fóra.

O itinerario por esta zona será o segundo dos sete roteiros que se realizarán durante 2011 dentro do programa de roteiros culturais 2010/2011 e que levarán aos participantes a coñecer a riqueza cultural de rutas históricas coma a da Vía Nova e a Vía da Prata, monumentos destacados, coma os Mosteiros de Santo Estevo, ou zonas de riqueza natural como as Rías Baixas.