DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O itinerario partirá de Allariz e rematará en San Salvador dos Penedos

As rutas culturais chegan esta fin de semana ao xacemento de Armea

O Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo é o encargado de investigar o complexo arqueoló

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 06/03/2012
A Universidade de Vigo ten unha vinculación especial coas estruturas rupestres que agocha o Monte do Señoriño en Armea-Santa Mariña de Augas Santas. O seu Laboratorio de Arqueoloxía traballou o verán pasado na súa descuberta e investigación no marco dun proxecto integral de de posta en valor deste complexo arqueolóxico, historico-artístico e natural. No marco desta relación, o vindeiro 10 de marzo as rutas culturais que organiza o Servizo de Deportes chegarán a este enclave para coñecer de primeira man o seu estado e a súa historia. O día 24 deste mes a simbiose arqueoloxia-deporte volverá a ser a protagonista das andainas cunha visita á necrópole de Barxacova.

O sétimo roteiro do curso 2011/2012 partirá de Allariz, seguirá por Outeiro da Urraca, O Briñal, Parcordeiro e Pai Cordeiro e rematará en San Salvador dos Penedos. Cunha dificultade baixa, o itinerario, de 20 quilómetros aproximadamente, finalizará cunha visita guiada polo complexo arqueolóxico de Santa Mariña de Augas Santas. Deste xeito, salienta José García-Calvo Willy, coordinador das rutas en Ourense, este itinerario conxuga moi ben a filosofía das andaianas de mesturar deporte, natureza, cultura e turismo co obxectivo último de fomentar os hábitos saudables.

É o primeiro ano que se realiza este percorrido, tendo en conta a pretensión do Servizo de Deportes da Universidade de diversificar a oferta na edición deste ano, ofrecendo novas propostas na provincia de Ourense e ampliando o número de itinerarios na provincia de Pontevedra. O obxectivo último, destacan os organizadores, é contar cunha programación diversa e atractiva que satisfaga tanto ao público xa fidelizado desta iniciativa coma aos novos posibles usuarios.

A necrópole de Barxacova

Ademais desta visita a Armea e seguindo a idea de mesturar arqueoloxía e deporte, durante o mes de marzo o Servizo de Deportes organizará, o día 24, unha andaina polos Canóns do Sil. O percorrido inclúe unha visita á necrópole rupestre de San Vítor de Barxacova, uns xacementos nos que tamén estiveron traballando arqueólogos da Facultade de Historia do campus de Ourense. Durante a visita, os participantes poderán coñecer in situ os traballos de excavación realizados para desentrañar os segredos das tumbas antropomórficas escavadas nas rochas do enclave.

Como en anteriores convocatorias, estes roteiros están abertos á participación preferente dos membros da comunidade universitaria, quedando abertos á participación de persoas alleas a ela en caso de quedar prazas libres. As saídas desde Ourense son ás 9.00 h na cafetería Bekas, fronte ao campus, e coma sempre os organizadores recomendan levar unha mochila pequena con chuvasqueiro, paraugas, apósitos para as bochas, muda completa, navalla, cantimplora, gorra e moita curiosidade por aprender.

O prezo de cada ruta, nas que soen participar arredor dun cento de persoas, ascende a 10 euros para os membros da comunidade universitaria e 15 euros para as persoas externas. Por cada 3 rutas concédese un crédito ECTS ou dous créditos libre configuración. En todo caso o maior aliciente para animarse a participar nestas rutas é, tal e como destacan os seus organizadores, o excelente ambiente que se respira en cada unha das viaxes.