DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este sábado un cento de persoas participarán no segundo roteiro deste curso

As rutas culturais chegarán ás lindes dos ríos Arenteiro e Avia

A excursión rematará cunha cata de viños nas adegas Viña Costeira

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 15/11/2012

O sábado, día 16 de novembro, os seguidores das rutas culturais que organiza o Servizo de Deportes da Universidade de Vigo teñen unha cita na provincia de Ourense. O segundo roteiro da programación do curso 2012/2013 levará aos participantes a percorrer a contorna dos ríos Arenteiro e Avia. Será unha oportunidade única para gozar da paisaxe natural da zona pero tamén da súa riqueza patrimonial e da súa cultura etnolóxica. As prazas xa están esgotadas e serán arredor de cen as persoas que participarán nesta nova andaina.

O itinerario, de dificultade media-alta e 21,5 quilómetros de distancia, percorrerá O Carballiño, Ponterriza, Moldes, Paradela, Cima de Vila, Pazos de Arenteiro, Lebosende, Mosteiro de San Clodio, Cubillero e Leiro. “Sairemos do Carballiño para logo percorrer a marxe dereita do Río Arenteiro, faremos unha parada na extraordinaria vila de Pazos de Arenteiro e baixaremos polo Río Avia, sen esquecernos de visitar o gran Mosteiro de San Clodio. Para rematar, faremos unha visita con cata incluída ás adegas de Viña Costeira”, explica José García-Calvo Willy, coordinador das rutas.

“Deste roteiro destacaría tres atractivos principais. En primeiro lugar, a beleza da paisaxe que imos ver, que nesta época está especialmente bonita polas cores que teñen as viñas. En segundo lugar, a preciosa vila de Arenteiro que vale realmente a pena visitar. E en terceiro lugar, a visita e cata de viños que realizaremos en Viña Costeira, que nos dá a oportunidade única de coñecer as súas instalación e gozar dos seus viños”, apunta José García-Calvo.

Equipo básico

Coma nas anteriores andainas, nesta ocasión participarán dous grupos, un procedente dos campus de Vigo e Pontevedra, e outro do campus de Ourense. As saídas serán ás 09.00 h desde Ourense na cafetaría Bekas, ao lado do campus; en Pontevedra nas proximidades do Cafetín da Alameda; e en Vigo preto da antiga Reitoría da Rúa do Areal. Os inscritos deberán levar a súa comida e o equipo aconsellable para calquera andaina, como son unha mochila, un chuvasqueiro, un paraugas, apósitos, unha muda, unha navalla e unha cantimplora. O bo ambiente está garantido pola experiencia de cada ruta celebrada.