DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nos percorridos participan arredor de 85 persoas da comunidade universitaria e de fóra

As rutas culturais comezan 2011 cun percorrido por Arnoia e O Ribeiro

Durante o que queda de curso celebraranse sete itinerarios

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 11/01/2011
Comeza o ano e é o momento de converter en realidade os bos propósitos feitos ao rematar 2010. Un dos máis comúns é a promesa de facer máis deporte, especialmente necesario para contrarrestar os efectos das recentes festas de Nadal. O campus de Ourense ofrece unha excelente opción para axudar a cumprir estes bos propósitos e practicar máis deporte. Son as rutas culturais, que comezan 2011 cun percorrido pola zona de Arnoia e do Ribeiro o 15 de xaneiro.

A ruta, organizada polo Servizo de Deportes, é 26 quilómetros a pé e seguirá o percorrido Vila Termal de Arnoia-Coto Novelle-A Peneda. Ao remate, os participantes, entre 85 e 100, participarán nunha cata de viños a cargo da Denominación de Orixe Ribeiro. Durante a excursión os participantes poderán descubrir a contorna histórica e natural da zona, para o que contarán coa axuda e explicacións de dous licenciados en Historia e Turismo, que lles irán amosando a riqueza dos lugares que visitan.

“As rutas teñen un ritmo asequible para calquera persoa, aínda que non teña práctica nisto, non se deben asustar ao ver que teñen máis de vinte quilómetros porque son perfectamente capaces de facelas” apunta Rodrigo Alberte Pivida, técnico do Servizo de Deportes do campus. A iniciativa está especialmente dirixida á comunidade universitaria dos tres campus da Universidade de Vigo pero tamén está aberta á participación de xente de fóra dela. Pivida engade ademais que é “especialmente recomendable para a xente de fóra de Ourense que está estudando ou traballando no campus, como os estudantes de intercambio, xa que é unha fantástica oportunidade para coñecer a contorna”.

7 itinerarios en 2011

O itinerario pola zona de Arnoia-Ribeiro será o primeiro dos sete percorridos que se realizarán durante 2011 dentro do programa de roteiros culturais 2010/2011 e que levarán aos participantes a coñecer a riqueza cultural de rutas históricas coma a da Vía Nova e a Vía da Prata, monumentos destacados, coma os Mosteiros de Santo Estevo e o de Montederramo, ou zonas de riqueza natural como as Rías Baixas.

Para os que se decidan a participar o equipo necesario é comida, bebida e por precaución unha mochila co imprescindible para unha marcha, como un chuvasqueiro, un paraugas, unha navalla, unha cantimplora, unha muda de reposto e sobre todo moitas gañas de gozar da natureza e a cultura facendo deporte. O prezo varía en función de se trata de membros da comunidade universitaria ou non e do número de percorridos que se queiran facer, custando un itinerario 8 euros a unha persoa da comunidade universitaria e 13 euros se é de fóra.