DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será o día 15 de decembro cun itinerario por San Pedro de Rocas

As rutas culturais despedirán o ano co seu tradicional magosto

As andainas continuarán en 2013 cunha ampla programación por toda a xeografía galega

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 10/12/2012

O día 15 de decembro as rutas culturais da Universidade de Vigo pecharán o ano 2012 e farano dun xeito especial. Será celebrando un tradicional magosto ao remate do itinerario no que os participantes poderán repor forzas e sobre todo compartir unha festa típica ourensá entre amigos. Cun itinerario pola zona de San Pedro de Rocas e con este suculento remate, o Servizo de Deportes pechará a súa programación de roteiros ata a volta de vacacións de Nadal, cando de novo o público fiel desta iniciativa se porá outra vez en marcha para coñecer máis enclaves da xeografía galega.

O itinerario que se celebrará o sábado, de dificultade baixa-media e 17 quilómetros de distancia, percorrerá Alto do Couso, Meiroás, Casanova, Melón de Abaixo, Quinta do Monte, Arcos, San Pedro de Rocas, Covas e Loñoá. No seu percorrido, explica José García Calvo Willy, coordinador dos roteiros, destaca coma sempre a riqueza da paisaxe que se poderá gozar e o valor patrimonial dalgúns dos lugares que se visitarán, como a igrexa de San Pedro de Rocas. Pero sobre todo, nesta andaina destaca a celebración dun magosto na área recreativa de Loñoá ao remate do percorrido no que os participantes, arredor dun cento, poderán comer os típicos chourizos, castañas, viño e outros produtos típicos desta festa.

Moito máis en 2013

Esta ruta será a cuarta que se celebre da programación 2012/2013 dos roteiros da Universidade de Vigo, que no que vai de curso visitaron as zonas de Arnoia, Arenteiro e Carboeiro. Coma nas anteriores andainas, nesta ocasión participarán dous grupos, un procedente dos campus de Vigo e Pontevedra, e outro do campus de Ourense. As saídas serán ás 09.00 h desde Ourense na cafetaría Bekas, ao lado do campus; en Pontevedra nas proximidades do Cafetín da Alameda; e en Vigo preto da antiga Reitoría da Rúa do Areal. Os inscritos deberán levar a súa comida e o equipo aconsellable para calquera andaina, como son unha mochila, un chuvasqueiro, un paraugas, apósitos, unha muda, unha navalla e unha cantimplora.

Os percorridos continuarán na Universidade de Vigo o vindeiro ano coa celebración de sete novas rutas en total. O 26 de xaneiro retomarase a actividade realizando unha visita ao espazo natural e arqueolóxico dos Sete Camiños, na provincia de Pontevedra. Será o arranque para unha ampla programación que levará ao público interesado a visitar a Ribeira Sacra lucense, o Camiño Portugués, o Courel, as Terras de Cortegada e a Ría de Aldán, ademais de participar na carreira 10 km Cidade Universitaria. Un amplo abano de posibilidade e moitas novidades coas que o Servizo de Deportes tratará de manter fiel aos numerosos seguidores que ten esta actividade entre a comunidade universitaria e fóra dela.