DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa pretende salientar o patrimonio histórico e natural de Ourense

As rutas culturais rematan 2010 cun percorrido por San Pedro de Rocas e un magosto

Participan preto de 100 persoas da comunidade universitaria e de fóra dela

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 03/12/2010
O programa de rutas culturais por Ourense que organiza o Servizo de Deportes remata o 2010 o vindeiro 11 de decembro cun percorrido por San Pedro de Rocas. Ao remate do itinerario os participantes, entre 85 e 100, celebrarán un magosto, con chourizos, castañas e todo o necesario para esta típica festa ourensá.

A ruta, de 17 quilómetros, seguirá o percorrido Ourense-Pereiro de Aguiar- Río Lonia-Castro-Covas- Mosteiro de San Pedro de Rocas. O magosto de peche será na área recreativa de Loñoa. Como o obxectivo da iniciativa é descubrir aos participantes a contorna histórica e natural de Ourense, ademais de camiñar os asistentes contarán ao longo do traxecto coas explicacións de dous licenciados en Historia e Turismo, que lles irán amosando a riqueza dos lugares que visitan.

A iniciativa está especialmente dirixida á comunidade universitaria dos tres campus da Universidade de Vigo pero tamén está aberta á participación de xente de fóra. O seu coordinador, José García-Calvo, Willy, salienta a importancia de que neste tipo de propostas “a universidade estea aberta á sociedade, aínda que lle dea prioridade á comunidade universitaria”.

Facendo grupo

Deste xeito arredor do 60% dos participantes son estudantes, profesores ou PAS da Universidade de Vigo e o 40% son de fóra. O perfil medio é de 35 anos, máis alto no caso das persoas alleas á universidade, onde a media supera os 50 anos. Como cada tres percorridos se lles dá ao alumnado un crédito de libre configuración e como neste tipo de actividades de ocio a xente se relaciona moito, ao final “vanse creando grupiños que repiten en diferentes rutas e hai moi bo ambiente”, segundo explica o técnico do Servizo de Deportes do campus Rodrigo Alberte Pivida.

Os organizadores intentan implicar de xeito especial nos roteiros culturais aos membros da comunidade universitaria que veñen de fóra de Ourense e de Galicia, facendo especial fincapé nos Erasmus, porque “as rutas son unha ferramenta excelente para ensinar a provincia ás persoas que non a coñecen”, salienta Pivida.

Máis itinerarios para 2011

Anteriormente e desde finais de outubro xa se realizaron a Ruta das Termas, a Ruta de San Rosendo e a Ruta de Penama. Para o ano 2011 están previstas outros seis percorridos, que levarán aos participantes desde Barbantiño ata a zona do Ribeiro ou o Mosteiro de Montederramo.

O prezo varía en función de se trata de membros da comunidade universitaria ou non e do número de percorridos que se queiran facer pero para pór un exemplo un itinerario costa 8 euros a unha persoa da comunidade universitaria e 13 euros aos de fóra. O equipo necesario: comida, bebida e por precaución unha mochila co imprescindible para unha marcha, como un chuvasqueiro, un paraugas, unha navalla, unha cantimplora, unha muda de reposto e sobre todo moitas gañas de gozar da natureza e a cultura facendo deporte.