DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un cento de persoas participarán este sábado na andaina pola Ría de Aldán

As rutas culturais rematan o curso cun baño na praia de Beluso

O percorrido destaca pola súa beleza paisaxística e riqueza natural

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 10/05/2013

As clases remataron, o curso académico está xa na súa recta final e chegou o momento de que as rutas culturais pechen tamén a súa programación. A última andaina que organizará este 2012/2013 o Servizo de Deportes da Universidade de Vigo celebrarase o sábado, día 11 de maio, cun percorrido por O Morrazo-Ría de Aldán. “Será una andaina fantástica, un roteiro por unha zona espectacular no que nos a acompañará o bo tempo, polo que remataremos cun baño na praia de Beluso”, destaca Jose García-Calvo Willy, coordinador dos roteiros universitarios.

O itinerario, de dificultade media-baixa e 17 quilómetros de distancia, percorrerá Vilanova, O Hío, Aldán, Menduíña, Cabo Udra e Bueu. Durante o percorrido, alén de poder ver a espectacular paisaxe da ría, realizarase unha visita guiada aos monumentos da zona. “Será unha ruta preciosa, porque saímos do cruceiro de O Hío e iremos percorrendo as praias da Ría de Aldán ata Bueu. Ademais deterémonos no Cabo Udra, un espazo protexido pola súa riqueza natural”, explica Jose García-Calvo. O traxecto forma parte da ruta de largo percorrido GR59, de 82 quilómetros de distancia e que rodea a península do Morrazo. “O ano pasado fixemos o anaco entre Cangas do Morrazo e O Hío e este ano faremos o traxecto de O Hío e Bueu, e co tempo a ver se conseguimos completar todo o traxecto”, apunta o coordinador das rutas culturais da Universidade.

Como en anteriores ocasións, arredor dun cento de persoas participarán nesta andaina, procedentes tanto do campus de Ourense coma dos de Pontevedra e Vigo. Dado que a previsión do tempo é boa a recomendación neste caso é levar calzado baixo e cómodo, como zapatilla de camiñar, non sendo necesarias as botas xa que apenas se pasará por zonas con auga. “O que si é importante é que traian bañador e toalla, xa que no descanso para comer e ao rematar a ruta, como todos os anos, deixaremos un tempo para que quen queira abrir a veda de baño deste ano o faga a gusto”, destaca García-Calvo. A saída será no campus de Ourense ás 8.00 h, diante do Café-Bar Bekas, como é habitual. As persoas procedentes de Vigo e Pontevedra teñen que contactar coa organización para concretar a hora de chegada, tendo en todo caso que estar ás 9.45 h en O Hío, no Café-Bar Stop.