DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Servizo de Deportes celebrará o día 6 de abril o noveno roteiro deste curso

As rutas culturais volven a Lugo para coñecer O Courel

Arredor dun cento de persoas participarán nesta excursión

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 01/04/2013

En febreiro as rutas culturais que organiza cada curso o Servizo de Deportes da Universidade de Vigo achegáronse a terras lucenses para coñecer a Ribeira Sacra ao paso por estas terras. Este mes, de novo volven a esta provincia pero para visitar outro dos seus enclaves naturais por excelencia, a Serra do Courel. Arredor dun cento de participantes procedentes dos tres campus percorrerán unha das rutas máis representativas deste enclave natural, coñecerán a súa paisaxe, a súa riqueza natural, os seus xacementos arqueolóxicos e algunhas das súas aldeas máis típicas. A cita será este sábado, día 6 de abril.

O itinerario, que leva por título Río Pequeno-O Courel, ten unha dificultade media e 17 quilómetros de distancia. Durante a andaina, os participantes percorrerán Pedrafita do Courel, Paderne, Vilasibil, Seoane, Mercurín e Paderne. Para completar a excursión, realizarase unha visita guiada aos xacementos arqueolóxicos da zona. Segundo destaca José García-Calvo Willy, coordinador dos roteiros, decidiron organizar esta excursión porque foi moi demandada polos participantes habituais nesta actividade universitaria, que desexaban coñecer in situ a beleza da súa paisaxe e a súa riqueza natural. Será a novena andaina que organice este curso o Servizo de Deportes e a antepenúltima que se celebre dentro da programación do curso 2012/2013. Alén desta visita ao Courel, resta por celebrarse o día 20 de abril unha ruta por Terras de Cortegada e outra o día 11 de maio polo Morrazo-Ría de Aldán, que porá o peche á actividade desta edición cun baño na praia.

Como en anteriores ocasións, poden inscribirse nesta ruta deportiva e cultural persoas da comunidade universitaria e de fóra dela, cun custe de 10 euros para o primeiro colectivo e de 15 para o segundo. As saídas serán pola mañá cedo dende Ourense na cafetaría Bekas, ao lado do campus; en Pontevedra nas proximidades do Cafetín da Alameda; e en Vigo na antiga Reitoría da rúa do Areal, estando previsto o regreso a media tarde. Os inscritos deberán levar a súa propia comida e o equipo aconsellable para este tipo de actividades de deporte ao aire libre, neste caso tendo en conta especialmente o estado do monte despois das choivas caídas.