DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A andaina celebrarase o sábado 15 de abril

As rutas universitarias “peregrinarán” a Santo André de Teixido

Pode participar a comunidade universitaria e a cidadanía en xeral

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 10/04/2023

O sábado 15 de abril celebrarase unha nova andaina da programación de rutas culturais que este curso académico organiza a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo. Nesta ocasión, o destino será Santo André de Teixido. A inscrición está aberta á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral.

A ruta Peregrinaxe Santo André de Teixido. Ponte Mera-Santo André de Teixido (A Coruña) é a novena andaina deste curso académico e a quinta deste segundo cuadrimestre. Con 17 quilómetros de percorrido e unha dificultade media, seguirá o traxecto Ponte Mera, Casón, Biduído e Teixido. O roteiro, indican desde a súa organización, segue a premisa de que “a Santo Andrés de Teixido vai de morto o que no foi de vivo” e toma como referente a peregrinaxe que ata este enclave realizaron en 1927 Ben-Cho-Sey, Vicente Risco e Otero Pedrayo. O seu obxectivo, engaden, é “dar a coñecer este enclave situado nas Rías Altas de Galicia, sobre os cantís máis altos da Europa continental, no municipio de Cedeira”. Sobre este pequeno lugar, sinalan, “cérnese o segundo santuario máis visitado da comunidade galega: Santo André de Teixido, un lugar cargado de historia, de beleza e de lenda”. A ruta inclúe paradas interpretativas a cargo de persoal especializado.

110 prazas

Hai dispoñibles en total 55 prazas para os campus de Vigo e Pontevedra e outras 55 para o campus de Ourense, habendo autobuses para trasladar ás persoas participantes dende os tres campus da UVigo. A inscrición en cada ruta está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior á súa celebración no Campus Activo da UVigo. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores á andaina permitirase a inscrición de calquera persoa interesada. As persoas menores de 16 anos que desexen participar nesta actividade irán sempre acompañadas dunha persoa adulta responsable e deberán poñerse en contacto coa organización para formalizar a súa inscrición.

O prezo de cada roteiro oscila segundo o colectivo de pertenza e cada un recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración. Todos os itinerarios para GPS poden descargarse, xunto coas fotografías de cada percorrido e toda a información complementaria, no blog das andainas. O equipo aconsellable para todas as rutas é, segundo indica desde a organización, mochila pequena con chuvasqueiro, paraugas, apósitos para as bochas, muda completa, navalla, cantimplora ou similar e, a partir do mes de marzo, viseira ou gorra. Para todas as andainas as persoas participantes levarán a súa comida (bocadillos, froita, froitos secos, bebidas, etc.).