DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ruth Martínez amosa na Intercultural as opcións formativas que ofrecen os mundos virtuais

As actividades rematarán o xoves 28 cun festival fin de festa

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 21/05/2009

Os mundos virtuais ou MUVE’S son todo un universo por descubrir e as posibilidades que ofrecen poden ser de grande utilidade na educación. Actualmente están comezando a integrarse na web e con plataformas e-learning, dous exemplos disto son SLoodle e ProtonMedia. Sen embargo, todas estas novidades fan xurdir moitas dúbidas: cantos mundos virtuais hai?, que posibilidades educativas ofrecen?, como se poden empregar?, que aspectos pedagóxicos hai que ter en conta para a súa utilización? A todas estas dúbidas deu resposta Ruth Martínez, coordinadora de Virtual Educa, na Intercultural a través dun relatorio no que explicou “como aplicar os mundos virtuais aos contextos educativos”.
Un dos MUVE’S máis coñecidos que existen na rede é Second Life (SL), pero non é o único, “existen máis de 200, a maioría en Beta, e é preciso establecer orde dentro deste caos”, explicou Martínez, coñecida como Aurea Memotech en SL. Existen mundos virtuais para nenos ou xente nova e  tamén os hai especializados en moda, música, televisión, educación e moitos outros sectores. A gran cantidade de oferta que existe pode intimidar, pero o que hai que ter claro é que “só son ferramentas que terán máis ou menos utilidade segundo os nosos obxectivos”. Cando comezaron a xurdir os mundos virtuais “xerouse unha grande expectativa, despois chegou a desilusión e agora comézase a investigar sobre as verdadeiras utilidades que pode ter”.
Durante o seu relatorio Martínez seguiu avanzando na cuestión comezando dende o máis básico e superficial: que é un avatar, como moverse nun mundo virtual ou como comunicarse; para entrar posteriormente na análise nas opcións que ofrecen para os procesos formativos. Neste sentido apuntou que “dar clase nun mundo virtual como na vida real, non ten sentido, hai que aproveitar o que isto nos ofrece”.
No tocante aos avances futuros sinalou aos “hologramas e as recreacións de mundos” como o máis punteiro que está por chegar.

Festival Intercultural

A Intercultural despedirase ata o ano próximo o xoves 28 de maio. O seu adeus temporal chegará por todo o alto, a festa comezará ao mediodía cunha mostra gastronómica na que se poderán degustar pratos típicos de Galicia e dos dous continentes convidados: América e África. As carpas instalaranse no campus entre o Edificio Xurídico-Empresarial e a Biblioteca Central.  Xa pola tarde e para baixar a comida todos os que queiran poderán divertirse cunha xornada lúdica e de xogos tradicionais galegos como o turra-soga, os birlos, a petanca, a ra ou a chave. Tamén se celebrará un triangular de fútbol sala no que participarán xogadores das tres nacionalidades.
Entrada a noite, a partir das 21 horas aproximadamente, será o momento da música; ao igual que nas outras actividades aquí tamén participarán representantes africanos, galegos e americanos. No primeiro caso será Deggo, un grupo de percusión, o que nos deleitará cos seus sons afro e a súa mestura de culturas. Pola parte galega actuará Turre’s Band, unha agrupación de once músicos cuxo repertorio vai dende o máis tranquilo e elegante swing ao desenfreo da música balcánica ou o ska, ademais de bandas sonoras e cancións de series. Dende o outro lado do Atlántico chegará El Hijo de la Cumbia, Emiliano Gómez, Dj e compositor.