DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seu proxecto ‘Condominio’ foi seleccionado para a pasarela de novos talentos Allianz Ego

Sabela Juncal leva á Madrid Fashion Week unha proposta nacida nas aulas de Esdemga

A egresada gañou ademais o concurso para a creación dunha colección cápsula de lentes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 20/02/2023

Como traballo final para o Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, Sabela Juncal deu forma a Condominio, unha colección que tiña como eixe temático o proceso de construción dun fogar e que en novembro de 2021 estreaba en Debut, o desfile no que os novos titulados e tituladas de Esdemga dan a coñecer os seus proxectos de fin de estudos. Unha versión ampliada desta colección converteuse este domingo na carta de presentación desta titulada na principal cita da moda en España, a Mercedes-Benz Fashion Week Madrid, que na súa 77 edición seleccionou Condominio como un dos proxectos participantes no Allianz Ego. Ademais de dar a coñecer o seu traballo na “plataforma de novos deseñadores de maior relevancia” do país, como destacan desde a organización, Juncal proclamouse gañadora do concurso impulsado por Allianz Ego e Mó de Multiópticas para a creación dunha colección cápsula de lentes.

Horas despois do desfile, Juncal mostrábase “moi contenta e agradecida” coa acollida brindada á súa colección na pasarela madrileña, “tanto por parte do xurado como das persoas que acudiron o backstage”. Nese senso, a tamén titulada en Publicidade e Relacións Públicas destaca á “visibilidade” que a participación nesta pasarela supón para o seu traballo, á que se suma a ilusión de terse convertido na gañadora do concurso que o Allianz Ego e Multiópticas impulsaban por primeira vez. Aberto á participación tanto dos seleccionados e seleccionadas para o desfile como dos 15 participantes no showroom do Ego, centrábase no deseño dunha colección cápsula de lentes e, segundo informou Ifema, dá á súa gañadora a “oportunidade de deseñar a súa propia colección Mó de Multiópticas e participar na creación da campaña de lanzamento e de promoción” dunha proposta que se sumará ás coleccións que esta firma lanza cada ano “con grandes representantes” da moda española. “Fíxome moitísima ilusión”, sinala Juncal, que recoñece que enfrontarse a un proxecto “de deseño de produto é algo que emocióname moito”. 

Na xornada de peche da pasarela madrileña, dedicada a esta plataforma para talentos emerxentes, Condominio compartiu pasarela con Aitor Goikoetxea, gañador do premio Mercedes-Benz Fashion Talent, Adriá Egea, Alejandre, Charlie Suits, Fátima Miñana, Guillermo Décimo, 93 Sierra/Crossed e Reparto, firma gañadora do premio Confidence in Fashion na anterior edición do Ego. 

Un proxecto nacido nas aulas e inspirado na idea de fogar

Recoñecida en Debut 2021 co premio Digipress Epson á mellor aplicación en moda de técnicas de sublimación, Condominio é unha colección que busca representar “o proceso de construción dun fogar”, tanto a través dos tecidos seleccionados, como das estampacións das prendas ou dos propios patróns empregados. Nese senso, a proposta que nacía como un TFM como doce estilismos, que Juncal ampliou a 15 para o Allianz Ego, constrúese a través dunha serie de tecidos“que participan desa idea do doméstico”, explica. Ese é o caso do punto ou as sabas de algodón, ás que se suman outros máis ligados “ao espazo público ou o traballo”, cos que a deseñadora buscou representar “a personalidade dos habitantes desa casa”. Á súa vez, os diferentes estampados que Juncal incorporou ás prendas, a través da serigrafía, de técnicas de sublimación ou da súa “aplicación directa”, buscan representar “os obxectos” dese fogar, idea na que se insiren tamén os peluches que incorporou a varias das propostas. 

Do mesmo xeito, a idea de ver un fogar como “un microcosmos” ao que un se achega como un observador externo, fan que na colección estivesen tamén moi presentes “cuestións como a escala, a sección ou a visión vouyerística do espectador”, aspectos que se reflcten á súa vez nos propios patróns, nos que a combinación de elementos presentes en diferentes prendas permite á súa vez “reflexar a relación entre os habitantes” dese fogar. “Foi unha colección que foi xurdindo, que non naceu como un conxunto e na que o propio proceso de construción forma parte do proxecto”, engade Juncal, quen, alén do “esgotador” da experiencia, recoñece como “un gran privilexio”, a oportunidade que supuxo o Allianz Ego á hora de “poder ver a colección nunha pasarela con recursos profesionais”.