DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Empresariais e Turismo acolle unha 'Xornada de coaching executivo'

Saber preguntar e eloxiar, as novas ferramentas de éxito dun líder

Marta Salazar foi a encargada de impartir a formación

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 13/04/2011
Ser xefe ou xefa non é tan doado como pode parecer a priori. Require unha serie de coñecementos e habilidades que é necesario adquirir e desenvolver para poder ocupar axeitadamente un posto de responsabilidade. Con esta idea de fondo, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo acolleu este mércores unha Xornada de coaching executivo na que se analizaron as características dun bo líder. Entre elas e contra algúns tópicos, destaca que un bo xefe é aquel que sabe preguntar e eloxiar aos seus traballadores.

A xornada, á que asistiron máis de medio cento de estudantes e profesionais, foi inaugurada por María Lameiras, vicerreitora do campus; Elisa Alén, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; e Julián Lorenzo, responsable da Organización Precursora de Iniciativas do Campus OPICO, entidade promotora da iniciativa. Para “adestrar” aos asistentes nas habilidades executivas a persoas escollida foi Marta Salazar, managing director Europa de Iesec-Human, que conta cunha dilatada traxectoria en coaching na Península e América Latina.

“O coaching é o acompañamento aos executivos para que consigan uns determinados obxectivos tendo en conta o seu potencial” comezou explicando Salazar. Tras indicar que “non hai fórmulas máxicas” unha a unha foi expoñendo técnicas e ferramentas que debe ter en conta un bo executivo. Ademais de afondar en cuestións como a comunicación e o liderado, durante a súa intervención Salazar afondou en dúas ferramentas que considera fundamentais: que o líder saiba preguntar e eloxiar aos seus traballadores, trocando o papel tradicional de ser o empregado o que pregunta e eloxia ao xefe.

Rectificando hábitos

“Os executivos deben saber facer preguntas poderosas, cuestións que permitan ás outras persoas sacar o mellor de si mesmas e evolucionar” salientou Salazar. Deste xeito, advertiu, “cambia o punto de vista” e evítase caer no erro habitual de preguntar só para amosar o coñecemento propio.

Polo que se refire ao poder do eloxio, a formadora fixo fincapé na importancia de que os traballadores se sintan valorados e vexan o seu traballo recoñecido. “O executivo normalmente dá por feito que a xente xa sabe que se lle recoñece o seu traballo pero en realidade a todos nos gusta que nos feliciten nun momento dado” sinalou. Contra este hábito, Salazar destacou a importancia de “adestrar” o eloxio, “primeiro sendo conscientes de se é efectivo e sincero e despois analizando a quen eloxiamos e a quen non e por que motivo o facemos así”.