DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un obradoiro do campus ensina aos participantes conceptos básicos de automoción e de seguridade

Sabes cambiar a roda dun coche ou frear ante un imprevisto?

O curso comezou este luns pero aínda mantén aberto o seu prazo de inscrición

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 19/02/2013

Conducir un coche é manexar unha máquina e de grandes dimensións. Sen embargo, a maioría de usuarios comeza a facelo sen ter case nocións de automoción. Cambiar unha roda, saber cando hai que facer un cambio de aceite ou de rodas para que o vehículo estea en óptimas condicións, entender como funciona o coxín de seguridade ou airbag ou como manexar as diferentes marchas son cuestións que un condutor debería coñecer, para o seu beneficio, o do vehículo e o do tráfico en xeral. Para que os membros da comunidade universitaria aprendan estes conceptos básicos, o campus de Ourense celebra deste este luns un obradoiro.

“Se compras un teléfono móbil vas a mirar o manual de instrución e a fedellar nel para sacarlle o máximo proveito. O coche é igual. Hai unha serie de cuestións fundamentais que todo condutor debera saber para o seu correcto manexo”, explica Antonio Piñeiro, instrutor técnico de vehículos encargado de impartir o obradoiro. Deste xeito, durante 30 horas os participantes no curso afondarán nos sistemas máis importantes dun vehículo, como son os freos, a caixa de cambios e os sistemas de seguridade, como o airbag e os elementos de retencción activa e pasiva. “Identificaremos sobre o propio vehículo ditos sistemas para relacionar a teoría coa práctica, simulando diferentes situacións e realizando exercicios”, destaca o instrutor. Ademais, os asistentes aprenderán os protocolos de actuación en caso de accidente e como reaccionar ante situacións extremas ou imprevistas.

Por comodidade, por economía e por seguridade

Como exemplo ilustrativo do descoñecemento que hai no uso das posibilidades técnicas dun coche Piñeiro salienta o caso do aire acondicionado. “Habitualmente a xente emprega o aire acondicionado só en verán, cando este aparello é un deshumidificador fantástico, moi útil en inverno para extraer a humidade do vehículo”, comenta. Para sacar este proveito, apunta, é necesario facer o pequeno esforzo de deterse a ver as características básicas que ten a mecánica do coche. “Se preguntas a condutores que é o sistema ABS moitos non saberían responder e saber como frea o teu coche é fundamental”, engade o docente do curso.

O obradoiro foi impartido en anteriores cursos académicos tanto no campus de Vigo coma no de Ourense. Un dos alumnos que asistiu a unha desas edicións foi Alberte Rodrigo Pivida, responsable do Servizo de Deportes do campus de Ourense, que recomenda á comunidade universitaria a súa realización. “Para min unha das cousas máis interesantes que aprendín foi saber que hai un protocolo que seguir para facer un bo mantemento do coche, cando cambiar o aceite, cando revisar as rodas, etcétera. En xeral, na vida cotiá, usamos o coche continuamente e mantelo en boas condicións é fundamental, por economía, por seguridade e por comodidade”, subliña o responsable do Servizo de Deportes.

Prazas dispoñibles nos obradoiros

Alén deste curso, esta semana comezan a súa actividade moitos outros dos obradoiros da programación deste cuadrimestre do campus de Ourense, como as aulas de teatro e danza e os cursos de fotografía dixital e o de emprendemento. As persoas interesadas en inscribirse neles, en caso de quedar prazas libre, aínda están a tempo de facelo. O prezo é de 40 euros para público xeral, 30 para a comunidade universitaria e 20 para bolseiros. A iniciativa, aberta ao público non universitario tamén, está recoñecido cun crédito ECTS e dous de libre elección.