DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha vintena de persoas participaron este venres no 1º bioblitz da UVigo

Sabes cantas especies de plantas e animais hai no campus?

A actividade, organizada desde a UCC+i, levouse a cabo de xeito simultáneo en Ourense e Vigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Cultura
D. Besadío DUVI 12/05/2023

Calzado e roupa cómoda, prismáticos, regra, guías de campo para a identificación e, sobre todo, moitas ganas de achegarse ao medio ambiente e a biodiversidade  do campus. Estes eran os únicos requisitos que se pedían para participar no 1º bioblitz da UVigo, un evento aberto a toda a cidadanía organizado pola Unidade de Cultura Científica, UCC+i, no que se propuña ás persoas participantes converterse en ‘exploradores e exploradoras’ por un par de horas e identificar nese tempo o maior número de especies. A cita levouse a cabo este venres, “afortunadamente sen choiva”, de forma simultánea  nos campus de Ourense e Vigo. 

En Vigo participaron arredor dunha vintena de persoas. O punto de encontro foi a praza Miralles. Alí recibiron as primeiras explicacións do persoal da Oficina de Medioambiente, que foron os encargados de comentarlles as técnicas máis axeitadas para facer unha observación responsable e informada de plantas e animais, para o que contaron coa aplicación móbil iNaturalist, que permite tomar e identificar fotografías xeorreferenciadas, así como gardalas na carpeta do proxecto para a súa posterior verificación por parte dos guías.

O persoal en formación da Oficina de Medio Ambiente, Marta González, Andrés Vargas e Raquel Alonso, exerceron como guías. “É unha actividade pensada, sobre todo, para aprender sobre a natureza, para coñecer a fauna e a flora local”, explicaron na reunión inicial, na que tamén lles recomendaron ser pacientes e discretos, xa que para observar as aves, réptiles, insectos... “canto máis discretos mellor”. En canto á flora o consello foi estar atentos e prestar atención as diferenzas morfolóxicas e cores, distinguindo os tipos de flores, follas, copas, talos, etc. Todas as plantas son interesantes, non existen as “malas herbas”, recalcaron, ao que engadiron a importancia de prestar atención as cores, texturas, cheiros... 

Pasadas as 12.00 horas tivo lugar o reconto de especies e a entrega de premios para aqueles grupos que lograron un maior número de observacións cualificadas

Dentro do programa Ciencia de ida e volta

Inserida dentro do programa Ciencia de ida e volta que se desenvolve co financiamento da FECYT, o obxectivo final desta actividade é achegar as persoas ao medio ambiente e á diversidade, de xeito que aumenten os seus coñecementos sobre estes conceptos e comprendan a súa importancia, así como facelas partícipes do seu seguimento e posta en valor. Ademais destas dúas actividades nos campus de Ourense e Vigo, a actividade incluíu tamén unha conferencia no campus de Pontevedra, a cargo de Adolfo Cordero, catedrático de Ecoloxía e Bioloxía Animal titulada Biodiversidade, moito máis ca xenes e especies.