DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias Sociais e da Comunicación acolle esta semana un obradoiro impartido por Jacobo Gayo

Sacando á luz o traballo que se esconde tras unha fotografía de moda

20 persoas coñecen nesta actividade as diferentes fases do traballo dos profesionais deste campo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 26/03/2014

Todo o traballo que se agocha tras unha fotografía de moda, desde a definición inicial da proposta creativa ao último retoque das imaxes seleccionadas. Iso é o que o fotógrafo Jacobo Gayo e o seu equipo tratan de amosar ás 20 persoas que ao longo desta semana participan no curso Fotografía publicitaria e de moda, que se desenvolve na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. “A idea é que poidan coñecer un pouco como se move este sector e por iso, ademais de falarlles de aspectos técnicos ou de iluminación, tentamos que vexan e que participen nunha sesión real co equipo de produción habitual dun traballo profesional”, explica Gayo.

Co obxectivo de amosar aos asistentes “como é todo o proceso desde que chegamos coas maletas e as modelos vestidas de rúa ata o retoque e a edición final das fotografías”, este profesional nomeado en tres ocasións aos Premios Goya de Fotografía polo seu traballo no campo da publicidade, traslada nestes días a todo o seu equipo técnico e humano a este curso incluído no programa de obradoiros impulsado pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra para este segundo cuadrimestre . Acompañado por Claudio García e David Serbia, Gayo comezou o curso o pasado venres relatando aos asistentes en que consiste todo o proceso previo á sesión fotográfica, “xa que quizais o máis importante dunha campaña é ter todo claro antes de mover nada”. De aí que nas primeiras sesións abordase como se define a proposta creativa co cliente e como esta se traslada posteriormente ás persoas responsables do estilismo, a maquillaxe ou o peiteado, "para non deixar nada á improvisación o día da sesión".

Unha reportaxe de tendencias na aula

O seguinte paso foi presentar aos asistentes “a todas estes profesionais en directo, como se estivesen nunha sesión real”. De feito, o obradoiro acolleu o martes “unha sesión de beleza” que reproducía o traballo de elaboración da imaxe de portada dunha revista de moda, mentres que este xoves os asistentes coñecerán todo o traballo que rodea á elaboración dun editorial de moda de baño, “unha reportaxe de tendencias na que se ensinan as propostas de diferentes deseñadores, para a que armaremos un decorado e contaremos con modelos, estilistas, maquilladoras, perruqueiras...” E xa por último, chegará o momento de amosar aos asistentes o último paso do proceso, o retoque e a edición final das imaxes seleccionadas, un labor que como explica Gayo permite tamén amosar “todo o traballo que hai detrás dunha foto, xa que hai casos nos que só o retoque da pel xa leva 12 horas”.

Un curso que sempre completa a súa matrícula

Máis alá da moda, neste seminario de 30 horas de duración tamén se abordan outra serie de campos vinculados á fotografía publicitaria, como a arquitectura, o interiorismo e a fotografía de produto, coa filosofía de que os asistentes non só obteñan unhas nocións teóricas, “senón que poidan probar un equipo de iluminación profesional e facer prácticas cos seus equipos”, explica Gayo. O obradoiro está dirixido pola profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Mónica Valderrama, que destaca que “é un privilexio que o alumnado poida contar coa visión dun profesional como Jacobo Gayo”, nun curso que alcanza a súa cuarta edición e que “sempre foi un éxito, xa que aos dous ou tres días de abrirse a matrícula sempre se esgotan as prazas”. Isto demostra, conclúe Valderrama, que se trata dunha actividade “de grande interese para un alumnado moi diverso”. De feito, entre os 20 asistentes a este curso figuran tanto estudantes de titulacións como Publicidade e Relacións Públicas, Comunicación Audiovisual ou Belas Artes, como profesionais da fotografía.