DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado de CCSS e da Comunicación participa na gravación de eventos da institución

Sacando proveito do talento audiovisual

Búscase que os estudantes realicen prácticas profesionais “fóra da contorna das aulas”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijóo DUVI 30/11/2012

“Sacar as aulas fóra” é o que busca o profesor Paulino Pérez co alumnado de último curso de Comunicación Audiovisual. Calquera evento da Universidade de Vigo é proveitoso para “que os estudantes poidan aproximarse á realidade profesional sen saír aínda da casa”, salienta o docente, que considera toda unha oportunidade que a canteira audiovisual do campus poida achegar un valor engadido á Universidade “co seu talento”. Este xoves estes alumnos e alumnas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación puxeron en práctica todos os seus coñecementos ao gravar en directo a XXI Gala do Deporte “o que dará como resultado unha peza audiovisual da calidade esixida no mercado”, adianta Pérez.

Dende a facultade búscase que os seus alumnos e alumnas saian ao mercado laboral cunha aproximación ao que se atoparán no día a día do seu labor profesional. “Como docentes queremos que desenvolvan traballos con categoría técnica nos que comproben todos os problemas que xorden ao ter que actuar nunha contorna descoñecida”, salienta Paulino Pérez, de aí que procuren eventos cos que colaborar en materia de produción audiovisual e que teñan lugar fóra da facultade. Ademais da experiencia práctica, o docente considera que con esta iniciativa “tamén se lle está sacando proveito o que está dentro da casa” ao crear sinerxías e cooperacións entre as diferentes titulacións, departamentos e áreas de coñecemento da Universidade.

Cobertura da XXI Gala do Deporte

Unha destas prácticas tivo lugar este xoves no transcurso da XXI Gala do Deporte, na que alumnado da titulación se desprazou ata o Centro Social Novacaixagalicia de Vigo para cubrir o evento. Co material dispoñible da facultade, os estudantes foron quen de deseñar e pór en práctica unha gravación multicámara “dun evento que non controlaban eles”. Pero para o docente e para o propio alumnado o máis interesante foi poder traballar “man a man” con verdadeiros profesionais de son, de iluminación ou de decorado “contratados pola propia organización e cos que nos entendemos á perfección”, apuntas as alumnas Astrid Abad e Olalla Rodríguez. Como máximo responsable destas prácticas, Paulino Pérez fai un balance moi positivo do resultado conseguido “sobre todo no referido á organización, todos souberon ocupar o posto e responder ás adversidades do directo”, comprobando como durante os anos de formación “si van adquirindo as dinámicas de traballo ensinadas”. Pérez adianta que este programa de prácticas naceu con vocación de continuidade e o estudantado xa se atopa inmerso no deseño da escaleta de rodaxe da vindeira entrega dos premios do concurso Ciencia que Conta, promovido polo grupo Divulgatia da Universidade.