DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na sesión inaugural do seminario "Pensar el cine I"

O sacrificio da liberdade en favor da seguridade e o totalitarismo, centraron o debate que propiciou o filme "1984"

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 04/03/2009

O cine e as series televisivas son o medio empregado para debater sobre os dereitos humanos no seminario Pensar el cine I que deu comezo este martes na Facultade de Dereito coa proxección do filme 1984.
Antes do inicio da sesión tivo lugar a inauguración oficial que comezou coa intervención da decana da facultade Inés Iglesias que agradeceu o esforzo realizado pola Área de Filosofía do Dereito para organizar estas xornadas “cunha temática sumamente interesante”. Tampouco se esqueceu da colaboración prestada polo Consello Social “sempre presente nas actividades que se organizan nesta facultade” e do Concello de Ourense, representado nesta ocasión pola concelleira de Educación, Ana Garrido, que felicitou aos directores do curso pola “boa idea de organizar este ciclo, cun tema que debe ser parte da formación de todas as persoas”.
Pola súa banda, Emilio Atrio, presidente do Consello Social, ademais de repasar o programa do seminario fixo referencia ao recente sesenta aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, feito histórico no que se proclamou dita declaración como “o ideal común polo que todos os pobos e nacións deben esforzarse a fin de que todos os individuos e institucións, inspirándose constantemente nela, promovan mediante o ensino e a educación o respecto a estes dereitos e liberdades”.
Mentres, Iago Fariñas e Pablo Raúl Bonorino, organizadores do curso, fixeron referencia ao nacemento das xornadas como “unha continuidade da labor que iniciaron este ano dende a materia de Filosofía do Dereito”, tratando de integrar contidos curriculares cun novo enfoque pedagóxico que é “presentar os problemas xurídicos e filosóficos a partir de fenómenos da cultura popular”.

O totalitarismo, a seguridade e os dereitos humanos

O seminario comezou coa análise das principais liñas de debate que se tratan na película 1984, da man de Juan Antonio García, catedrático de Filosofía do Dereito da Universidade de León e “un dos poucos autores que está a traballar sobre a filosofía no cine no noso país”, precisou Bonorino.
García propuxo unha mirada crítica na que os presentes comparasen “o noso esquema político, social e de vida co modelo do filme, unha distopía, que nos presenta un mundo onde prima o Estado totalitario e o grupo sobre o individuo”. 1984 amosa un mundo onde se leva ao extremo a obsesión pola seguridade, un tema que centrou o debate, xa que na actualidade “a histeria social e determinadas prácticas comunicativas fannos camiñar cara unha sociedade moi preocupada pola seguridade”. Pero “preferimos que o Estado asegure ata o límite do posible a nosa vida ao prezo de sacrificar a nosa liberdade, ou preferimos arriscarnos?”. Segundo o catedrático hai que valorar se realmente os nosos ideais e os nosos medos son tan importantes como para estar dispostos a perder os nosos dereitos.
Outro dos argumentos centrais da película é a tortura, tema que tamén quixo emprazar García para o debate. 1984 presenta unha sociedade na que o individuo non significa nada, porque o único que importa é o Estado. O catedrático lanzou ao aire cuestións como “que sociedade queremos e a onde nos poden levar algúns dos medos que nos atenazan?" ou "empezamos torturando a terroristas e remataremos facendo o mesmo con calquera?”. Segundo García se non se comeza a reflexionar sobre estas cuestións “é posible que nuns anos vivamos como en 1984”.