DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Investigadores da Universidade de Vigo participan no descubrimento do xacemento turolense de Estercu

Saen á luz os segredos impresos en pedra das plantas con flor de hai 100 millóns de anos

Os fósiles atopados superan en calidade aos do xacemento de referencia mundial de Potomac (EEUU)

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 07/09/2012

Hai 112 millóns de anos as primitivas plantas con flor iniciaron unha dispersión a escala mundial que as levaría a ser na actualidade a forma de vida vexetal dominante en todos os ecosistemas terrestres. Árbores como o carballo, arbustos como o tomiño ou cereais como o trigo, forman parte dese amplo grupo de plantas con flor ou anxiospermas que durante a parte máis moderna do Cretácico Inferior iniciaron unha gran eclosión de formas e especies. O estudo destas primitivas anxiospermas vén de experimentar un espectacular avance co descubrimento na localidade turolense de Estercuel do que podería ser un dos mellores, senón o mellor, xacemento de plantas fósiles do Cretácico Inferior. “Os nosos rexistros son moito mellores, máis completos e mellor preservados que os do xacemento de Potomac en EEUU que era ata o de agora a gran referencia mundial ”, confirma o profesor do Departamento de Xeociencias Mariñas da Universidade de Vigo e director da escavación que leva a cabo o Grupo de Paleobotánica Ibérica, José Bienvenido Diez.

Este recoñecemento susténtase tanto no elevado número de especies cuantificadas, “unas 60 identificadas e o que é mellor, moitas outras novas que aínda están por definir”, explica Diez, como no valor de algunhas desas especies, como a Aquatifolia fluitans, “unha anxiosperma acuática emparentada coa familia dos nenúfares actuais que só fora atopada nun único xacemento situado no estado de Kansas, o que indicaría unha certa relación entre esta zona do centro do Estados Unidos e o xacemento de Estercuel durante o Cretácico Inferior”, como sinala Luis Miguel Sender, doutorando da Universidade de Zaragoza a quen o profesor Diez dirixe a tese de doutoramento.

Xunto a Diez e Sender, investigadores das universidades de Vigo, Zaragoza, Nacional Autónoma de México, Lund (Suecia) e do Museo de Historia Natural de París, completan o Grupo de Paleobotánica Ibérica que desde o ano 2005 traballa en diferentes xacementos da provincia de Teruel que se ten confirmado como unha gran referencia da paleobotánica mundial, ata o punto que José Bienvenido Diez refírese a ela como “unha pequena enciclopedia de anxiospermas primitivas”. O inxente traballo desenvolvido polo grupo ao longo destes anos tradúcese na publicación dunha trintena de artigos de alto impacto científico nas revistas máis relevantes da especialidade, na elaboración de varias teses de doutoramento e mesmo na descrición de novos taxóns. Ademais de en afloramentos do Cretácico Inferior (145-99 millóns de anos), o grupo traballa na actualidade noutros afloramentos que abranguen o Devónico (416-359 millóns de anos) e o Mioceno (23-5 millóns de anos).

Unha nova flora nunha área idónea para a súa dispersión

O Cretácico Inferior, e máis concretamente o período Albiense que abrangue desde 112 ata 99,6 millóns de anos, é a época dos grandes dinosaurios, xusto antes de que se inicie a transición mariña. “A abundante e diversa flora fósil atopada”, explica Sender, “contén diferentes tipos de fentos, coníferas e follas e grans de polen que pertencen a primitivas anxiospermas, tanto terrestres como acuáticas que se desenvolveron nas beiras dos pantanos costeiros do antigo mar de Tethys na zona que ocupaba a actual provincia de Teruel durante esa época”. A localización de especies como a Aquatifolia fluitans e mesmo de grans de polen de especies que ata o de agora se pensaba que estaban restrinxidas ao Norte de África e ao leste de Suramérica durante o Cretácico Inferior, implicaría, segundo os investigadores, que as illas do arquipélago que nesa época constituían a actual península Ibérica servirían “como ponte” para a dispersión das floras entre diferentes áreas xeográficas que provirían tanto do oeste do antigo continente Laurasia, como de Gondwana situado ao sur.

“Para nós como grupo da Universidade de Vigo supón participar nun descubrimento único” sinala José Bienvenido Diez “o dos representantes dos grupos das anxiospermas primitivas, conxuntos de flores compostas por vestixios de plantas con flor entre os más antigos do planeta”. Desde o ano 2005 decenas de estudantes da Universidade de Vigo participan nos traballos de escavación de xacementos turolenses como Estercuel que se atopan en terreos propiedade da empresa mineira SAMCA que, segundo confirman os investigadores, en todo momento facilitoulles o traballo, “o que amosa a compatibilidade do desenvolvementos das labores mineiras coa protección do patrimonio paleontolóxico”.

Reunión científica internacional para poñer en valor os xacementos turolenses

Aínda que moito e de enorme calidade foi o ata o de agora recuperado das entrañas do chan turolense, os investigadores están convencidos de que os achados continuarán nos próximos anos, e coa finalidade de dar a coñecer e poñer en valor esta enorme riqueza paleobotánica o vindeiro ano celebrarase, co apoio de Dinópolis, na localidade de Ariño o Congreso Internacional da Ágora Paleobotánica e no que se darán cita expertos chegados de todo o mundo. Ademais de coñecer in situ o xacemento de Estercuel, os investigadores celebrarán sesión científicas nas que abordarán os derradeiros descubrimentos no ámbito da paleobotánica.