DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foro ‘O mar como motor económico’

A saída da crise agóchase no océano Atlántico

Administración, investigadores e empresarios confían no potencial dun sector que ten máis de 25.000

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 25/05/2011
Mentres o ano pasado o resto de sectores pechaban empresas e botaban xente á rúa, o tándem mar-industria “crecíase ante as dificultades e xeraba só arredor da pesca do Cantábrico noroeste 1050 postos de traballo, o que demostra que os galegos fomos sempre quen de loitar contra ventos e mareas para chegar a bo porto”. Con estas verbas a conselleira do Mar, Rosa Quintana, resumía a razón da celebración do foro O mar como motor económico no espazo atlántico, unha xornada na que administracións, investigadores e empresarios debaten a situación actual na que se atopa un sector con 25.000 empregos directos e indirectos co que Galicia ten unha relación indisoluble. “O noso obxectivo é harmonizar as nosas capacidades coas necesidades do tecido produtivo e este foro é imprescindible para que esta fábrica de ideas, solucións e posibilidades de futuro que é o Campus do Mar poda ser unha realidade”, recoñeceu Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo.

O maior problema ao que se enfrontan os países para saír da crise á que se chegou por “vivir por riba das súas posibilidades” é non ser capaces de visualizar o estado real no que se atopan, por iso os científicos chaman a aproveitar os “brotes verdes” que xurden do mar. “O Campus do Mar, que agrupa a 3000 expertos, ten que ser a locomotora que tire dos vagóns das iniciativas relacionadas co mar en Europa. Hai que aproveitar que non existe nada igual para ser líderes e presentar a Eurorrexión como a ponte de unión e comunicación a todos os efectos co resto do mundo. Queremos que sexa esa táboa onde poda subir I+D e empresarios para navegar neses océanos azuis que supoñen esas economías emerxentes e poñernos á cresta da ola do crecemento económico”, salientou o reitor. Varios membros da Universidade presentaron as liñas xerais deste Campus de Excelencia, dende orzamentos ou estrutura de goberno ata eixos estratéxicos, un proxecto que gabou e ao que mostrou o seu apoio absoluto ata o presidente de Portos do Estado, Fernando González Laxe.

A Eurorrexión, a clave

A pesar de que o rescate por parte da Unión Europea ameaza a Portugal cunha recesión económica durante os vindeiros dous anos, con caída no consumo público e privado incluída, as previsións son que a “economía real crecerá grazas ao norte do país, ligado á industria e ás exportacións”. Para mantelo, o mar debe ser unha prioridade absoluta. “O comportamento de Portugal pode ter consecuencias moi negativas para España, sobre todo porque todos os países do sur de Europa están no punto de mira dos especuladores. Coa apertura do Canal de Panamá no 2014 o transporte marítimo internacional vai medrar moito e a península ten que actuar como unha enorme plataforma loxística para todo o que veña de Oriente, do sudeste asiático e dos Estados Unidos”, lembrou José Antonio Barros, presidente da AEP.

É nese marco onde a Eurorrexión pode ter a chave. Pero dando un paso máis aló: enriba da mesa dos ministros europeos está un proxecto para crear unha macrorrexión atlántica, como a que xa existe no Báltico e no Danubio, que vería a luz este outono e que nestes intres estaría formada por Galicia, norte de Portugal e Castela e León, aínda que “seis grupos de traballo están a facer xa un diagnóstico e elaborando proxectos de cooperación cos que facer atractivo a idea para outras zonas do país luso e incluso de Francia”, asegurou Jesús Gamallo, director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta. “O Atlántico é a nosa maior fronteira, 1200 quilómetros de costa que fan de barreira permeable pola que chegaron influenzas estranxeiras e unha canle que levou durante moito tempo a miles de galegos ao outro lazo do océano. Agora hai que ter a vista posta nos orzamentos europeos”, recalcou.

Os empresarios ven a Eurorrexión como “única saída” a curto prazo da crise, como “unha plataforma conxunta de aproveitamento empresarial e loxístico cunha clara vocación de unión entre todos os eixos que a conforman. “Esperemos que estes debates fagan que abramos un pouco máis a mente para aproveitar as oportunidades que xorden nun mundo revolto”, comentou José Manuel Fernández Alvariño, presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra.