DUVI

Diario da Universidade de Vigo

M. González Loureiro conclúe que as empresas medran pola interactuación do capital humano e estrutur

A saída da crise para as pemes pasa por aliarse con universidades e centros tecnolóxicos

Na súa tese de doutoramento sinala a necesidade dun modelo produtivo baseado no coñecemento e na inn

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 22/12/2011

No escenario actual no que o coñecemento e a innovación son fundamentais para o desenvolvemento económico, o crecemento empresarial está máis relacionado coa xestión de intanxibles que coa dos recursos financeiros ou de materiais. En este contexto sitúase o profesor Miguel González Loureiro que analiza na súa tese de doutoramento en que grao inflúe a xestión de intanxibles (o valor do coñecemento que se crea) no crecemento a medio prazo das pequenas e medianas empresas innovadoras durante o período 2003-2006. O investigador conclúe que a clave do crecemento está na interactuación entre a vertente humana e estrutural das pemes, “o coñecemento que queda na empresa”.

Unha das principais novidades que presenta esta tese de doutoramento, que recibiu o premio extraordinario da Universidade de Vigo, é a análise do sistema institucional de apoio á innovación, entendendo como tal “universidades, centros tecnolóxicos e de innovación xeradores de I+D+i na rexión”. Como apunta o investigador, esta engrenaxe non tivo un peso determinante no crecemento das pemes innovadoras de Galicia. Un dos motivos que sinala é que “o I+D+i ten unha perspectiva global mentres que a transferencia por exemplo en universidades e centros tecnolóxicos segue sendo rexional”. Os resultados obtidos na súa investigación verten luz sobre o problema “suxerindo a necesidade de mellorar as diversas interactuacións entre o sistema de apoio á innovación e o empresarial”, directriz que “xa foi asumida polas universidades, as que dende hai uns anos se mostran moi proactivas en mellorar as relacións coa contorna”. A Universidade de Vigo é un claro exemplo coa súa aposta férrea pola transferencia de coñecemento como fórmula de crecemento económico e social.

Apoio das institucións

Na situación actual de crise, na que as empresas teñen menos recursos para innovar, a intervención e o apoio das institucións “deberían ter máis peso”. Como destaca Loureiro, se o esforzo das universidades e centros tecnolóxicos é efectivo, as sinerxías creadas converteranse na vía que as empresas terán para medrar máis eficientemente, “porque xerarán eficiencia no proceso de innovación, xa que o sistema institucional ten moita experiencia neste eido e a súa colaboración acurtará os tempos de saída dos produtos novos”. Aínda así, o investigador postula que a crise económica debe provocar un cambio de modelo produtivo que lle dea máis importancia a estes valores intanxibles como a innovación ou a internacionalización, contexto no que resulta vital o apoio do sistema institucional.

Innovación aberta e pechada

Sen embargo, Loureiro detecta que un dos problemas de fondo que “frean” a simbiose entre universidades e empresas reside no que el denomina innovación aberta e pechada. “Cando un investigador publica nunha revista científica comparte as súas achegas a case un custe cero para as empresas, pero o problema atópase coas patentes pois o investigador non estará interesado en divulgar o seu coñecemento de forma gratuíta, senón en transferila mediante unha relación contractual, de aí o principal problema da innovación aberta, que ao final acaba converténdose en pechada”.

Por outra banda, esta investigación sirve como guía para o pequeno empresario, pois demostra “que non basta con xuntar unha serie de persoas creativas baixo un mesmo teito para ter unha empresa innovadora, é necesario un capital estrutural que lle dea soporte, porque do contrario serían pequenos profesionais autónomos que non actuarían como empresa”. Así mesmo, tamén ofrece unha serie de claves para aquelas empresas que queiran comezar o seu camiño cara a innovación, recomendando a implementación dun bo sistema de información a través das TIC con persoal ben formado para o seu uso “e que traten de xerar unha cultura de mellora constante, de forma que non se perda o valor do coñecemento dos profesionais aínda que abandonen a empresa”.