DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celébranse no campus as ‘Xornadas de Emprendemento nas Industrias Culturais’, da man da Xunta de Gal

Saír da Universidade cun proxecto empresarial debaixo do brazo

O encontro busca que o alumnado contemple o autoemprego como outra saída profesional

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijóo DUVI 19/04/2012

Tras abandonar as aulas, os mozos e mozas lánzanse a buscar traballo sen contemplar outras saídas, como “a de converterse no propio xefe”. Co obxectivo de fomentar o autoemprego entre o alumnado universitario, naceron as Xornadas de Emprendemento nas Industrias Culturais, organizadas polas consellerías de Educación e Ordenación Universitaria e Traballo e Benestar en colaboración coas tres universidades galegas. O encontro, que tivo lugar este xoves na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, achegou ao alumnado as posibilidades empresarias da industria cultural, “un nicho de mercado emerxente en Galicia e o que mellor está a resistir a crise, xa que dá emprego a máis de 17.000 persoas e constitúe o 2% do PIB galego”, explicou Amparo González Méndez, directora xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo e Benestar, que inaugurou as xornadas.

Tras celebrarse este mércores na Universidade de A Coruña, o encontro chegou hoxe ao campus pontevedrés para amosar aos futuros titulados e tituladas a capacidade xeradora de emprego das industrias culturais, unha importante opción “a ter en conta” para o futuro laboral, sobre todo nos eidos converxentes con este sector, como é o da comunicación. A vicerreitora do campus, Antonia Blanco, aproveitou o acto de apertura das xornadas para pór en valor este tipo de iniciativas formativas promovidas pola Xunta de Galicia, “que informan aos nosos estudantes dos nichos de traballo posibles, como o emprendemento, unha saída laboral moi válida e interesante”, sinalou. Por outra banda, a vicerreitora tamén destacou a importancia de que o alumno coñeza o seu campo profesional antes de rematar o período formativo e, "dende a Universidade temos que cubrir esa necesidade da que o estudante non se dá conta ata que chega o momento de enfrontarse á realidade”.

Posta en valor das industrias culturais

As xornadas, ademais de impulsar o autoemprego entre os máis novos, teñen como obxectivo “pór en valor” as industrias culturais en Galicia. “Aínda que estamos a falar dun sector que concentra máis de 3000 empresas, hai moitas persoas que non o coñecen, polo que temos a obriga de trasladar á sociedade o peso que xoga na economía galega, ademais de ser un elemento vehicular que exhibe a nosa cultura no exterior”, apuntou a directora xeral. Nesta idea tamén afondou Francisco Javier Alonso González, director da Fundación Illa San Simón, que foi o encargado de abrir a quenda de relatorios. Destacou que unha das principais desvantaxes de emprender novas iniciativas ao abeiro das industrias culturais é a falta de comprensión por parte da cidadanía xa que “non hai unha conciencia xeral de que a industria da cultura é un motor económico importante”. Non obstante, animou aos futuros titulados e tituladas a “aventurarse” cun proxecto innovador, pois “esixe un baixo investimento económico, sendo máis importante o talento e a rede de contactos a través da cal promocionar a idea”.

Ademais de ter a oportunidade de conversar con profesionais que compartiron a súa experiencia empresarial, as xornadas tamén convidaron a técnicos e responsables da Axencia Galega das Industrias Culturais, Agadic, que explicaron ao alumnado os pasos necesarios para presentar na administración un proxecto empresarial, achegándolle información práctica a nivel xurídico e económico relacionada coas axudas dispoñibles, créditos, tramitacións e demais cuestións burocráticas. “Esta vertente práctica do encontro móstralle ao titulado que emprender é unha alternativa máis a ter en conta no momento de rematar os estudos”, apuntou Juan Manuel Corbacho, decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

Estas xornadas sobre emprendemento terán continuidade na Universidade de Vigo. O vindeiro 26 de abril trasladaranse ao campus de Ourense, en concreto á Facultade de Ciencias Empresariais e do Turismo para mostrar as oportunidades laborais das industrias culturais no eido do turismo.