DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Novo proxecto expositivo na sala ourensá

A Sala Alterarte entra en 'Estado Crítico'

Durante dous anos dez artistas emerxentes presentarán as súas obras

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noemí Rey DUVI 04/11/2010

Dez artistas e dez comisarios vencellados ao mundo da comunicación. Este é o punto de partida do novo proxecto da Sala Alterarte, unha idea ambiciosa que comezou con apenas 5 críticos e que en moi pouco tempo encheu dous anos de exposicións nun "espazo pequeno pero cun traballo moi importante. Porque aquí o tamaño tampouco importa", explicaba emocionada durante a presentación do proxecto María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense.

Baixo o título de Estado Crítico, este proxecto abre unha nova andaina "moi interesante para o pequeno e modesto espazo do que dispón esta sala, un traballo que será visualizado desde fóra como algo de maior calibre do que é", asegurou Xosé Manuel Buxán Bran, coordinador do proxecto. Ao longo de dous anos dez artistas escollidos "con total liberdade" por 10 críticos ou xornalistas vencellados ao mundo da arte de distintos medios (La Voz de Galicia, El País, Diario de Pontevedra, Tempos Novos, El Correo Gallego, A Nosa Terra, Xornal de Galicia, Faro de Vigo, La Región e a Radio Galega) irán expoñendo unha obra feita na meirande parte para a ocasión tras un traballo conxunto entre artista e comisario e para o que a Sala Alterarte serve de escerio onde "darlles cancha e xuntalos a todos". Para María Lameiras "entender a arte é entender ao ser humano. Ter na Universidade unha sala como esta non só axuda a visibilizar o traballo dos novos artistas, senón que consegue transmitir a idea de que hai que formarse de xeito integral e que a cultura é fundamental".


Sheila Pazos presenta Por que todo debería ter sentido?

A primeira en estrear a mostra é unha xovencísima pontevedresa case recén saída da facultade pero cunha ampla vagaxe artística. Aos seu 24 anos e comisariada pola xornalista de La Voz de Galicia Mercedes Rozas, Sheila Pazos enche a Sala Alterarte dunha obra en dous tempos nas que o home e a cidade son sempre os protagonistas. A primeira, ideada en 2008 e denominada Homes de asfalto xoga coa camuflaxe, con cores moi grises. "Son filla de emigrantes. Eu nacín en Suiza e cando tiven que vir aos 14 anos supuxo un cambio moi importante na miña vida. E toda esta parte reflicte a marca que deixou en min a miña cidade natal", razoa Pazos. Sen embargo, tras regresar a Suiza hai apenas ano e medio toda a súa perspectiva mudou. "Tíñao idealizado, dinme conta de que xa o tiña superado e de que necesitaba algo máis do mundo dos soños", recoñece. De aí xurdíu a segunda parte da mostra, Que pasa aí fóra, moito máis colorista, mestura de perspectivas, fantasía "e con moitos trazos oníricos, como querendo escapar da racionalidade".

Unha artista "moi inquieta", como definiu a súa comisaria, que leva dous meses traballando arreo para estrear esta importante exposición á que trae algunhas obras producidas a propósito para a mostra. "Esa inquietude non só se reflicte no amplo campo de rexistros que usa, senón en que nestes dous meses xa me presentou incluso un novo proxecto", comentou Mercedes Rozas.

Dez comisarios escolleron aos artistas

Arropando esta iniciativa tamén quixeron estar presentes outros dos comisarios que participarán no 'Estado Crítico' ata 2012 e todos coincidiron nun mesmo aspecto: trátase dunha invitación "ilusionante e ambiciosa, tanto para o comisario como para o artista", como recordou Xosé Manuel Lens, que traballa en El País e que ocupará en segundo lugar a Sala Alterarte coa obra de Mar Vicente. "Agora somos nos os xenerosos. Esta é unha proposta moi importante a nivel expositivo porque con medios moi limitados acadouse unha gran dimensión en toda Galicia", gabou o fotógrafo de La Región José Paz. En total serán dous anos de arte da boa a disposición do público.