DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Diariamente acoden corenta usuarios ás instalacións

A sala de cardio-fitness do pavillón acada unha importante resposta da comunidade universitaria un mes despois da súa apertura

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Camino Carballeira DUVI 30/01/2009

A xoia do pavillón, a nova sala de cardio-fitness está a resultar un éxito. Apenas leva aberta un mes e medio –parón de Nadal incluído- e unha media de corenta usuarios achéganse cada día para adestrar nas súas máquinas. Ata hai pouco a súas instalacións só eran empregadas polos alumnos da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte pero agora, baixo a xestión do Servizo de Deportes, o seu uso está aberto a toda a comunidade universitaria. Cunha inversión de máis de 35.000 en equipación, a sala conta con todo tipo de máquinas desde bancos abatibles, multipower de discos e tren de poleas, ata remo-ergómetro, barra olímpica, barras de alzamentos, bicicletas elípticas e magnéticas, prensa horizontal, press de ombros e flexión e extensión de pernas.
Estudantes, profesores, investigadores e PAS poden facer uso libre deste remodelado servizo que permanece aberto de luns a venres, de 9.30 a 14.00 horas e de 15.30 a 21.30. O pavillón tamén renovou a súa imaxe cos arreglos da cara externa do edificio e as cubertas e ao longo do ano que vén traballarase na mellora das cubertas e cubrirase a pista, aínda que polo momento está por decidir con que tipo de material. Tamén se habilitará o espazo do pavillón como zona wifi, para permitir a conexión á rede, e estableceranse dúas zonas para a práctica do tenis de mesa.

Proximamente, "Ponte en forma"

A Área de Deporte e Saúde prepara un ambicioso e completo programa de actividades que se desenvolverán nos próximos meses cando chegue a Pontevedra o programa Ponte en forma, que pretende difundir os beneficios da actividade física saudable e facelo dun xeito individualizado e baixo a supervisión permanente dunha Unidade Médico-Deportiva e unha Unidade de Actividade Física Personalizada. Mellorar a condición física, favorecer a saúde ou optimizar o rendemento nunha proba deportiva. Calquera motivo é bo para adoptar uns hábitos de práctica deportiva axeitada ás nosas características e necesidades reais e con este obxectivo o campus complementa a súa oferta de servizos. Mediante esta evolución Pontevedra homológase aos outros dous campus da Universidade de Vigo para que os estudantes, sen importar o lugar no que estuden, dispoñan dos mesmos servizos.