DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na primeira mostra dedicada ás obras que foi compilando o profesor Adolfo Ramírez Escudero

A Sala Manuel Moldes acolle unha colección de obras de estudantes de Belas Artes de Bilbao de diferentes xeracións

A exposición ‘Aire Galería’ poderá visitarse ata o 7 de abril

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 09/02/2023

Profesor da Facultade de Belas Artes da Universidade do País Vasco (UPV/EHU), Adolfo Ramírez Escudero iniciou a mediados da década de 1990 unha colección de obras de estudantes ou docentes deste centro que, a día de hoxe, reúne máis de 80 pezas, entre as que se atopan traballos iniciais, como explica, de “artistas que teñen xa un certo recoñecemento”. Non obstante, esta colección non dera lugar ata agora a unha mostra colectiva como a que desde este xoves pode visitarse na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes, na que se presentan as creacións, principalmente pictóricas, de preto de 60 artistas, ligados todos eles á facultade da UPV/EHU.

Ata o 7 de abril poderá visitarse nesta sala unha exposición que recibe o título de Aire Galería, o espazo expositivo que Ramírez Escudero impulsou en 2018 en Bilbao, co obxectivo de dar visibilidade ás creacións do alumnado e profesorado desta facultade, a través dun conxunto de exposicións temporais. Non obstante, aínda que a exposición inaugurada este xoves na Facultade de Belas Artes pontevedresa presenta tamén traballos de artistas que pasaron por esta galería, permite á súa vez observar boa parte da colección que este docente iniciou hai máis de 20 anos “con criterios máis empáticos ou afectivos que estritamente académicos”, recoñeceu. Xunto a algunhas pezas escultóricas, dous vídeos e traballos de fotografía, a mostra reúne un conxunto de obras pictóricas de pequeno ou mediano formato que, en varios dos casos, eran “as primeiras obras que vendían” os seus creadores e creadoras e que no conforman no seu conxunto unha colección “cun ton un pouco alegre e lúdico”. 

Unha colección “extraordinariamente singular”

A exposición Aire Galería foi inaugurada este xoves nun acto que contou coas intervencións da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, e o decano de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán, e que completou cunha performance da alumna da facultade biscaíña Miren Barrena. Como “unha colección especialmente interesante e suxestiva e extraordinariamente singular” definiu Buxán unha mostra nacida, lembrou, “desas conexións de afectos” e a que á súa vez insírese tamén nas “infinitas conexións” entre as facultades de Belas Artes da UVigo e a UVP/EHU. Nesa mesma liña, Lantarón destacou o positivo de poder pór esta exposición “á disposición da sociedade de Pontevedra, nun espazo como a Sala Manuel Moldes”, á vez que avogou porque a galería que lle dá nome puidese no futuro non só dar visibilidade ás creacións do alumnado da UPV/EHU, senón tamén “que o noso alumnado teña a posibilidade de ir o País Vasco a mostrar as súas obras”. 

Ramírez Escudero, pola súa banda, agradeceu a “oportunidade de mostrar esta exposición por primeira vez” que supuxo o convite da coordinadora da Sala Manuel Moldes, Chelo Matesanz, e explicou que tanto a colección e a galería forman parte na actualidade do labor da asociación FI, impulsada co propósito de promover a creación e desenvolvemento de proxectos artísticos e creativos. Trátase, como explicou, dunha iniciativa dirixida “a visibilizar o traballo que se fai na facultade, que está un pouco distanciada de Bilbao”, que conta tamén cunha “parte editorial”, na que promoven a publicación de catálogos, outra relacionada coa participación en eventos e outra vinculada con traballos de investigación.  

A inauguración completouse coa perfomance Eskaleira, que Miren Barrena, unha das artistas presentes na mostra, ideou dunha unha estadía en JAI Tabakalera, en Donosti, e que posteriormente realizou tamén no Filet Art Space de Londres e en Okela Lantegia e no Espazo Manzana de Bilbao. Dirixida a trasladar, como explica o seu texto de presentación, “conceptos e intereses que se desenvolven no circo ao contexto das galerías e espazos artísticos”, trátase dunha acción na que a artista fai uso dunha escaleira para crear “unha especie de coreografía improvisada onde a dicotomía entre corpo e obxecto faise presente”.