DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumnado experimentou co proceso de osmose no marco dun proxecto de innovación

Salgando sardiñas para visibilizar as achegas da muller á sustentabilidade

O balance desta iniciativa insírese na exposición ‘Sustentabilidade en feminino’, que se inaugura o

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 21/11/2017

Pór en valor as achegas das mulleres ao mundo da ciencia e as vinculacións entre xénero e desenvolvemento sustentable constitúen dous dos eixos do traballo do grupo de investigación de Didáctica das Ciencias Experimentais que, dentro do grupo CIES, coordina a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte María Álvarez Lires. Co propósito de recuperar nas aulas o con frecuencia invisibilizado “saber das mulleres” e facer del unha ferramenta para o ensino das ciencias, o grupo desenvolveu nas aulas do grao en Educación Primaria unha experiencia educativa dirixida a achegar ao alumnado ao proceso de osmose que se produce durante a salga, da que veñen de facer balance nun vídeo que formará parte da exposición Sustentabilidade en feminino, que se inaugurará neste centro o vindeiro xoves 30 de novembro, no marco das cuartas xornadas Bo uso e mal uso do mar.

Promovidas polo Campus de Exelencia Internacional-Campus do Mar, o Consello da Culura Galega, a Deputación de Pontevedra e a Unidade de Igualdade da Universidade, estas xornadas abriranse precisamente coa inauguración dunha exposición que, “ao igual que o proxecto de innovación, forma parte dunha secuencia”, dunha liña de traballo centrada na “recuperación dos saberes ancestrais das mulleres en relación cos recursos mariños e as súas achegas á sustentabilidade do mar”. Xunto á presentación desta mostra, o programa da xornada comprende a conferencia As mulleres e o traballo do mar en terra firme, que impartirá nesta facultade a directora do Museo Massó, Covadonga López de Prado, e o panel sobre “desenvolvemento sustentable, empresarias e asociacionismo” que, a partires das 17.00 horas, reunirá na Casa das Campás a Ana García Cabada, da división de seguridade alimentaria de Anfaco-Cecopesca; Rosa Chapela, coordinadora da Área Scioeconómica da Pesca de CETMAR, e Sandra Amézaga, secretaria da Asociación de Mulleres do Mar de Arousa.

Visibilidade para o traballo de “mulleres anónimas”

Fotografías de redeiras, mariscadoras, vendedoras de peixe, de mulleres na salga e na conserva, nalgúns casos inéditas, que van de comezos do século XX á actualidade, conforman unha exposición que, como explica Lires, xurde precisamente a raíz dun proxecto de innovación “do que agora aproveitamos a súa parte gráfica para a exposición" que en 2018 trasladarase aos campus de Vigo e Ourense. “Poñer de manifesto as achegas de mulleres anónimas” é nese senso un dos propósitos dunha iniciativa na que, ademais do proceso de salga do peixe, “vaise amosar tamén, coa colaboración do Museo Masso, todo o proceso da conserva” e que contará con paneis dedicados científicas como a oceanógrafa Ángeles Alvariño e a que fora directora do Instituto Español de Oceanografía, Aida Fernández Ríos. O proxecto complétase así mesmo, explica Álvarez Lires, cunha web na que, ademais das fotografías, poderán verse tamén un conxunto de entrevistas a traballadoras do mar e a investigadoras.

Unha liña de traballo que arrincou na aula

A salga do peixe, unha achega feminina á sustentabilidade era o título dunha iniciativa, enmarcada nun proxecto de innovación desenvolvido ao longo do pasado curso, que buscaba pór en valor entre o alumnado “as achegas das mulleres á conservación da vida e ao benestar dos seres humanos, en defintiva, á sustentabilidade”, poñendo en relación a vida cotiá con coñecementos científico-tecnolóxicos. “Para investigar as achegas das mulleres á ciencia e á técnica é preciso recuperar as súas experiencias e o seu saber”, salienta Álvarez Lires dunha liña de traballlo dirixida a que os futuros e futuras docentes “coñezan recursos que promovan a igualdade e a acción positiva, ademais de experimentar un enfoque metodolóxico adecuado para traballar co seu futuro alumnado”.

Deste xeito, a experiencia comezou introducindo a temática na aula “falando da importancia do salgado na Pontevedra medieval”, o que permitiu, xunto cun cuestionario previo, constatar o seu descoñecemento por parte do estudantado, que tivo que investigar os procesos físico-químicos involucrados neste método de conservación de alimentos que “durante séculos foi o procedemento máis empregado nas vilas costeiras e nas aldeas do interior de Galicia” e que consitúe “un saber tradicional das mulleres que está invisibilizado”. Unha vez experimentado coa salga, neste caso de sardiñas, a experiencia completouse, explica Álvarez Lires, coa abordaxe en grupo do aprendido e de “como trasladalo ás aulas de primaria”. A experiencia “foi positiva”, conclúe esta investiagdora, xa que favoreceu “a motivación do alumnado e as súas aprendizaxes científicas e didácticas”, ao tempo que propiciou unha reflexión “sobre a maneira de introducir as ciencais na aula atendendo a un enfoque de xénero”.