DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolleu este venres un Curso de Motivación de Alto Impacto

O salto posible do vitimismo á acción transformadora

O coach Pepe Cabello foi o encargado de amosar ao estudantado as claves para mellorar a súa calidade

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 19/10/2012

Desmotivado, frustrado, desanimado, apagado… Un a un os estudantes presentes no Curso de Motivación de Alto Impacto ía definindo así o seu estado de ánimo xeral ao coach Pepe Cabello. Para conseguir saír deste pesimismo individual e colectivo que caracteriza o actual momento de crise económica e social, arredor de 70 persoas participaron este venres nun curso organizado no campus de Ourense e cuxo principal obxectivo era facer conscientes aos participantes de que o cambio si é posible e de que empeza por un mesmo.

“Para saír do mundo de comodidade e mediocridade que nos rodea é fundamental a motivación” apuntou Pepe Cabello, coach profesional e formador con máis de 16 años de experiencia na capacitación e adestramento de líderes, empresarios, vendedores, deportistas e persoas que deciden en definitiva mellorar a súa vida. Esta motivación, salientou, require que as persoas atopen un motivo para mudar a súa vida, que tomen conciencia da necesidade de facelo e que asuman a responsabilidade de levar a cabo as accións necesarias para lograr ese obxectivo. “Adoptar unha postura de vitimismo só trae consigo a queixa continua, non a superación”, advertiu aos asistentes ao curso, organizado polo Gabinete Psicopedagóxico do campus.

Confianza fronte a medos

A transformación, advertiu, vén de actuar sobre a linguaxe, a fisioloxía e as crenzas. “A nosa actitude, a nosa capacidade de reacción ante un acontecemento máis ou menos positivamente ou creativamente, é decisiva”, apuntou o formador. Pepe Cabello fixo fincapé aos asistentes no feito de que “ninguén desde fóra vai vir a solucionar os vosos problemas, tedes que ser vos o que tomedes a decisión de mudar as cousas, tedes que ser vos os que superedes os vosos medos, a distancia que separa o que queredes ter do que tedes en realidade”.

A confianza nun mesmo, o traballo coas emocións e a súa xestión, os niveis de expectativas, a reflexión e a toma de conciencia son, na súa opinión, factores fundamentais nos que traballar de cara a acadar unha vida “extra-ordinaria” na que realizarse de xeito pleno. O mellor consello que se lle pode dar á xuventude no actual momento, dixo, é que “traballen para vivir da súa paixón, da súa vocación, porque é fundamental para unha vida chea de sentido”.

Cabello salientou que o home é o único animal que pode cambiar o que é ao longo da súa vida e destacou que si é posible realizar un cambio profundo e sostible no tempo. “É suficiente cun segundo para tomar conciencia da necesidade de mudar e asumir a determinación de facelo”, subliñou. Para axudar aos participantes a chegar a ese nivel de conciencia transformadora, durante o curso o coach traballou con eles aspectos como a confianza en si mesmos e a motivación, ata chegar a ser capaces de realizar accións como camiñar sobre as brasas ou romper unha lanza contra unha parede.