DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alternativa Universitaria presentou o seu programa na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariai

Salustiano Mato apela á calidade do posgrao e ao recoñecemento do mérito para “estar no mapa de Europa”

O candidato defendeu e subscribiu as ideas do arquitecto Mendes da Rocha para o campus

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 13/05/2010
Nun momento de encrucillada pola adaptación definitiva ao EEES e pola conxuntura de crise económica, o candidato a reitor de Alternativa Universitaria aposta pola calidade e excelencia no posgrao e polo recoñecemento do esforzo e acreditación da calidade para “estar no mapa de Europa”. Acompañado por varios membros da súa candidatura, Salustiano Mato explicou nun ateigado salón de graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e ante un público principalmente estudantil as súas principais liñas programáticas para “unha universidade moderna e internacional con creatividade e intelixencia”.
En referencia ás diferenzas entre a súa candidatura e a de Nova Universidade, puntualizou que “o noso modelo de universidade é de progreso e é ambicioso, temos que optar a máis, non pensar só en nós senón tamén nos demais e facernos máis visibles na sociedade, suar a camiseta e deixar de mirarnos o embigo”.
Para isto, Salustiano Mato defendeu dous camiños claros polos que transitar, por unha banda o dunha oferta de posgrao de calidade e prestixio artellada a través dunha escola que permita a captación de estudantado e, por outra, o recoñecemento do mérito, do esforzo e do traballo. “Se algo temos claro en Alternativa é que estamos en contra do café para todos” e avogou por acreditar a calidade do persoal, apostando pola estabilización dos profesores novos “pero sempre demostrando a valía” e pola promoción dos profesionais, unha tarefa “pendente no caso do PAS, pero sempre en recoñecemento do traballo, do mérito e do esforzo”.
No ámbito docente, Mato destacou a súa aposta clara polos contratos programas por obxectivos cos centros “para poder ver a capacidade docente de cada un, supón máis autonomía, pero tamén máis responsabilidade” e decantouse por avaliar tamén o traballo dos docentes, non só a do estudantado.
Na súa intervención, o candidato a reitor quixo defender tamén o traballo do arquitecto Mendes da Rocha e engadiu que “subscribo as súas ideas e estou moi orgulloso da política de infraestruturas levada a cabo por AU nos últimos 12 anos, porque se construíron escolas, facultades e centros de investigación necesarios, nada máis e nada menos”.

Hiperactivos en empregabilidade

En referencia ao estudantado, o candidato de AU avogou pola formación integral pero non limitada a idiomas ou informática, senón en elementos transversais como a oratoria, os recursos humanos, a creatividade ou a sostibilidade. Para reducir o absentismo defendeu Mato a necesidade de prestixiar os labores de asociacionismo ou voluntariado e puxo de relevancia a necesidade de mirar cara a Asia no tocante aos programas de mobilidade. Neste tema anunciou tamén medidas que axuden a determinar o mellor momento e o mellor destino para os estudantes que marchen e remarcou tamén o seu apoio a un programa de prácticas en empresas para o alumnado pero tamén para os novos titulados. “Temos que ser hiperactivos en empregabilidade e preocuparnos por facilitar o acceso ao primeiro emprego” para o que sinalou a importancia da orientación psico-profesional.
No referido ás axudas e bolsas de estudo, Mato apuntou que “non estamos a favor dos préstamos e menos nun momento de crise económica” e decantouse por unha política de bolsas que garanta o desenvolvemento da carreira completa.

Prestixiar a investigación e transferencia

Na súa proposta de goberno, Alternativa Universitaria aposta por dúas vicerreitorías que separan investigación e transferencia, unha decisión que o candidato defendeu porque esta última “é unha materia pendente para a universidade española, resulta moi inocente dicir que isto é duplicar”. O seu programa pasa por crear un sistema de medición para a transferencia como o hai para a investigación “e que sitúa á Universidade de Vigo entre as 12 primeiras no estado”. Neste sentido, remarcou a importancia de facerse visible na sociedade para que os cidadáns e o tecido empresarial e produtivo saiba que na Universidade ademais de investigación de calidade “tamén resolvemos problemas do día a día, con nós poden establecer alianzas estratéxicas e correlacionarnos proactivamente”.
No tocante á investigación, Salustiano Mato pronunciouse a prol da especialización dos grupos e ante a demanda de reducir a burocracia explicou aos investigadores que “non me podo comprometer a eliminala pero si contratar xente que a xestione” para poder centrarse na carreira investigadora.