DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alternativa Universitaria presentou o seu programa na Facultade de Belas Artes

Salustiano Mato confirma o seu compromiso co proxecto do Edificio das Artes, pero non descarta un "plan B"

Amosou tamén o seu apoio á Conferencia de Decanos fronte ao decreto das ensinanzas artísticas superi

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Esmeralda L. Castro DUVI 14/05/2010

A pouco tempo da aprobación da modificación dos terreos de Tafisa que fai viable a localización do Edificio das Artes nesta parcela, Salustiano Mato confirmou o seu compromiso con este proxecto para solucionar os problemas de espazo do campus e adaptalo ás necesidades do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES). O candidato a reitor por Alternativa Universitaria (AU), que tivo hoxe un acto de campaña na Facultade de Belas Artes, amosou a súa intención “de seguir traballando co Concello para progresar por este camiño, agora que as cousas están máis claras”. Con todo, sinalou que non descarta “trazar un plan B por se as cousas se torcen” se resulta vencedor nos comicios do vindeiro día 20.
Acompañado por Antonia Blanco e Ignacio Barcia, membros do seu equipo e candidatos, respectivamente, á Vicerreitoría do Campus de Pontevedra e á Vicerreitoría da Alumnado, Docencia e Calidade, Mato debullou os nove eixos estratéxicos do seu programa, salientando aqueles aspectos que terán efectos de aplicación nesta facultade.
Con relación ao apartado de loxística e infraestruturas quixo salientar tamén o traballo realizado polo seu partido nos doce anos de goberno. “Mesmo Nova Universidade debería aplaudir a nosa capacidade de recadación financeira máis alá das achegas da Xunta de Galicia, pois de non ser por iso non teriamos o que temos ata 2025”, comentou ao respecto. Como prioridade neste eido salientou a súa aposta por destinar os fondos propios a dotar a Universidade das infraestruturas que esixe estar no contexto do EEES.

Apoio á Conferencia de Decanos de Belas Artes

“Cómpre prestixiar a oferta académica da Universidade de Vigo para que o alumnado se sinta orgulloso de ser titulado na nosa institución”, sinalou con respecto ás titulacións. Como medida neste camiño amosou o seu apoio á Conferencia de Decanos de Belas Artes fronte ao Real Decreto 1614/2009, que regula as ensinanzas artísticas universitarias e que os decanos consideran que ignora as titulacións universitarias. “O decreto debilita os graos e posgraos artísticos e vai en contra da autonomía universitaria”, afirmou Mato. “Se queremos prestixiar a nosa oferta, temos que comezar por aquilo no que somos singulares, como é o caso de Belas Artes, coa única titulación neste eido en Galicia”, engadiu.
Apuntou tamén a necesidade de poñer en marcha Escolas de Posgrao que teñan en conta as especialidades de cada centro. “A xestión dos graos é semellante á das licenciaturas, pero os posgraos precisan administracións propias e unha imaxe de marca para visibilizalos e captar financiamento”, explicou. Funcionarían como paraugas temáticos e sinalou neste senso novos nichos para a expresión artística como os vinculados ás novas tecnoloxías ou á comunicación. Nesa mesma liña de aproveitamento de sinerxías avoga por unha “cooperación intelixente” en investigación con plans estratéxicos de colaboración entre disciplinas.

Estabilidade para os docentes e mobilidade para os estudantes

No relativo á docencia Salustiano Mato insistiu en dúas ideas, “estabilidade e carreira profesional”, e tamén no xeito de facilitarlle o camiño aos docentes máis novos, para que non haxa incertezas sobre a consolidación do seu posto. “En campaña non imos prometer dereitos como favores, porque iso é clientelismo e os dereitos son algo indiscutible”, aclarou.
Para os estudantes o programa de Alternativa Universitaria prevé unha formación integral, cunha actividade extracurricular “maior e con carácter aberto, non só de informática e idiomas, senón que promova a creatividade como aspecto fundamental para o desenvolvemento profesional”. Mato salientou tamén a importancia de aumentar a eficiencia da mobilidade, adaptándoa á especificidade de cada centro e conseguindo embaixadores que permitan abrir portas noutros mercados. “Xa estamos en Europa, polo que agora temos que chegar ao mercado iberoamericano e, sobre todo, ao asiático”, precisou. Así mesmo, falou dunha maior aproximación ao mundo real das empresas con máis convenios de prácticas e alianzas estratéxicas para xerar ofertas de primeiro emprego.