DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O candidato de Alternativa Universitaria presenta un equipo paritario con dez vicerreitorías

Salustiano Mato conforma unha candidatura renovada que “reflicte a diversidade da Universidade de Vigo”

O campus de Ourense contará con dúas vicerreitorías e Investigación e Transferencia divídense

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría e Sara Alcázar DUVI 20/04/2010

Dez vicerreitorías e a Secretaría Xeral, conforman a proposta de equipo de Goberno co que Alternativa Universitaria concorrerá ás eleccións a reitor que se celebrarán o vindeiro 20 de maio na Universidade de Vigo. “Un equipo”, asegurou o candidato Salustiano Mato na presentación celebrada este martes no Edificio Miralles do campus de Vigo, “con menos vicerreitorías por concentración, integración e harmonización de competencias, nunha lóxica non de redución caprichosa senón de optimización de recursos e intelixencia financeira”. En presenza de case todos os membros da súa candidatura, así como de Alternativa Universitaria, Mato destacou a paridade do equipo de Goberno, formado por seis homes e seis mulleres que xunto a el foron propostas para ocupar as dez vicerreitorías e a Secretaria Xeral que conforman a estrutura de goberno de Alternativa Universitaria. No grupo de tres vicerreitorías transversais deseñado por AU, Manuel Fernández Iglesias, encargaríase da Vicerreitoría de Relacións Internacionais; Xosé Henrique Costas da Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Xosé Manuel García Vázquez da de Economía e Planificación. As dúas vicerreitorías da área académica estarían ocupadas por Margarita Estévez no caso da de Títulos, Organización Académica e Profesorado, mentres que da vicerreitoría de Alumnado, Docencia e Calidade faríase cargo Ignacio Barcia. Na área de investigación, Asunción Longo, ocuparía a Vicerreitoría de Investigación, mentres que José Antonio Vilán, encargaríase da de Transferencia do Coñecemento. Pola súa banda as vicerreitorías de Pontevedra e Ourense, estarían ocupadas por Antonia Blanco e María Lameiras, respectivamente a Vicerreitoría de Investigación e Transferencia do campus de Ourense por María Victoria Jato. Mentres, Inma Valeije foi proposta para o cargo de secretaria xeral que Mato afirmou “exercerá de tándem co reitor, como soporte técnico e estratéxico”.

Fonda renovación na procura dun impulso renovado

O candidato a reitor de Alternativa Universitaria que se referiu ao seu equipo como “diverso e completo e que reúne esas sensibilidades que nos fagan acertar ou equivocarnos o menos posible”, destacou a profunda renovación realizada na súa conformación, ata o punto que non inclúe a ningún dos integrantes do actual equipo de Goberno. Mato xustificou esta decisión aludindo a “moitos factores”, entre os que destacou “a busca de frescura e impulso renovado”. Mato tamén se referiu a razóns profesionais e persoais para explicar a renovación realizada no proxecto de Alternativa Universitaria no que destacou a colaboración presente e futura do actual equipo de Goberno. “Xa confirmara desde un inicio que habería unha renovación do equipo, aínda que non sabía se sería dun 90, dun 5 ou dun 100% como ao final resultou”, sinalou Mato que tamén destacou a participación do equipo na elaboración do programa co que Alternativa concorrerá ás eleccións.
En canto á conformación do equipo xerencial, o candidato a reitor de AU sinalou que aínda non está pechado e que cando se coñezan os nomes do ou da vicexerente e dos tres vicexerentes, serán presentados.

Máis debates e máis abertos

Preguntado pola súa disposición a participar nun novo debate co candidato a reitor de Nova Universidade, Jaime Cabeza, Mato asegurou estar “encantado de tomar parte noutros debates, sobre todo se son máis abertos e menos encorsetados”, en alusión ao celebrado o pasado venres centrado na política laboral da Universidade. “Estou encantado de que a xente pregunte o que considere oportuno” dixo Mato.

Orgullo e responsabilidade dos integrantes da candidatura

En declaracións ao Duvi, os integrantes da candidatura de Salustiano Mato coincidiron en sinalar a ilusión coa que enfrontan o que de xeito unánime consideran un reto na súa carreira. Doutora en Biotecnoloxía e profesora titular do departamento de Enxeñaría Química, María Asunción Longo González asegura afrontar a súa proposta para encabezar a Vicerreitoría de Investigación “coa ilusión de intentar mellorar o funcionamento da área de investigación”. A directora do CACTI (Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación), destaca o atractivo do cometido do que se encargaría e desde o que podería “seguir impulsando a I+D na Universidade para darlle un papel protagonista”.
María Victoria Jato, catedrática da Área de Botánica, incide na importancia que terá “a desconcentración da actividade investigadora que se desenvolve no campus de Ourense” a través da vicerreitoría que asumiría. “A investigación en Ourense despegou de xeito moi importante nos últimos anos é compre traballar no camiño da desconcentración”, afirma Jato que comezou a súa actividade na Universidade de Vigo en 1990.
A doutora en Psicoloxía, María Lameiras Fernández, que estaría á fronte da Vicerreitoría de Ourense, valora a súa participación no equipo de AU como unha “grande honra e responsabilidade, dende a que traballaremos polo ben da Universidade e dende logo polo campus de Ourense”. Un dos obxectivos de Lameiras é potenciar o fortalecemento da relación entre a Universidade e a sociedade “achegando todos os recursos que temos”.
Ignacio Barcia Rodríguez que asumiría a Vicerreitoría de Alumnado, Docencia e Calidade, destaca a “potencia do equipo” configurado polo candidato de AU, ao tempo que confirma a súa disposición a dedicarse “en corpo e alma a ese cometido”. O decano da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e profesor titular de Escultura cre que xa cubriu unha etapa importante nese centro no que acumulou “unha experiencia importante que agardo sexa de utilidade”.
Ao fronte da Vicerreitoría de Extensión Universitaria situaríase o catedrático en Historia e Dialectoloxía do Galego, Xosé Henrique Costas González, que cualificou como “un orgullo” servir á comunidade universitaria e poder continuar o “magnífico labor” da actual vicerreitora, Maruxa Cabeza. Entre os seus proxectos, Costas salientou a necesidade de implicar na programación cultural e deportiva “a toda a sociedade viguesa, ourensá e pontevedresa e facer cousas conxuntamente coas alcaldías das tres cidades”.
A catedrática de Análise Matemático, Margarita Estevez Toranzo, que asumiría a Vicerreitoría de Títulos, Organización Académica e Profesorado, afronta a súa designación coma “un reto moi interesante” no que o principal obxectivo é rematar o deseño das titulacións para adaptalas ao EEES “nun marco de seriedade e calidade”. Estévez valorou moi positivamente a proposta de Mato de fusionar as vicerreitorías de Titulacións e Converxencia Europea e Organización Académica e Profesorado nunha soa, co que “as sinerxías vanse aproveitar moito mellor”.
Profesora titular de Dereito Penal na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, Inma Valeije Álvarez, destaca o perfil técnico o cargo de secretaria xeral para o que foi proposta e que afirma enfrontar con “ilusión e reflexión”. Valeije que asegura que non lle resultou complicado acceder á proposta, destaca a “consistencia” do programa de AU que cualifica de “proxecto do século XXI para unha universidade do século XXI”.
A candidatura complétana o profesor da Área de Enxeñaría Mecánica e director do grupo CIMA, José Antonio Vilán Vilán que foi proposto para a Vicerreitoría de Transferencia de Coñececemento; o profesor do departamento de Enxeñaría Telemática, Manuel Fernández Iglesias que se encargaría da Vicerreitoría de Relacións Internacionais; a catedrática e directora da Área de Planificación e Coordinación do campus de Pontevedra, Antonia Blanco Pesqueira proposta para a Vicerreitoría do campus de Pontevedra e Xosé Manuel García Vázquez, catedrático de Organización de Empresas que ocuparía a Vicerreitoría de Economía e Planificación. Na presentación da súa candidatura Mato destacou que tanto Vilán como Fernández Iglesias non puideron asistir á presentación ao atoparse en EEUU e Arxentina, respectivamente, traballando en cadanseu proxecto internacional.